martes, 7 de marzo de 2017

MARÍN. OPINIÓN. A VOLTAS CO AUDITORIO E O APARCAMENTO SUBTERRÁNEO. POR PEDRO M. CORTEGOSO

Levamos anos escoitando aos distintos gobernos municipais, de diversas cores, prometernos e falarnos da construción dun auditorio en Marín, ao auditorio xuntáronlle un aparcamento e agora tamén unha nave de deportes náuticos. A mesma milonga que escoitamos durante anos do centro de saúde, e que hoxe grazas á intervención divina é unha realidade.
Nunhas recentes declaracións a Alcaldesa do PP, a Sra. Ramallo, manifestou que “desde o primeiro momento e salvando moitos obstáculos e dificultades” fixeron estudos, análises e diagnósticos para tomar decisións e estabelecer liñas estratéxicas para saber que facer cos terreos cedidos polo porto. Oito anos para estudar que facer non deixan en moi bo lugar a capacidade de estudo e xestión deste goberno con maioría absoluta.
Segundo a alcaldesa imos ter un “edificio cultural” non un auditorio, e preguntámonos que será iso? Imos ter un aparcamento privado polo que teremos que pagar e con menor número de prazas que as actuais, cando xa temos un público. E por último tamén promete facer a nave de deportes náuticos, proposta que máis ben pretende calar as protestas dos remeiros e remeiras que demandan unhas instalacións dignas .
No 2003, e xa choveu, falábase dunha idea similar. De facer un área de ocio, un auditorio e un aparcamento subterráneo. Unha proposta contraditoria coa grande promesa electoral de todos os partidos nas eleccións municipais anteriores que defendían “abrir Marín ao mar”.
Agora a Alcaldesa de Marín volve insistir en colocar estas edificacións nos terreos do porto, seguindo a tradición d@s polític@s marinenses que sempre quixeron colocar todos as “instalacións” no centro do pobo. Non se dan conta de que Marín é algo máis e temos terreos noutras zonas para facer auditorios? Por que non na Raña, restaurando o Pazo?
Porén, se tivésemos un mínimo de perspectiva de futuro non permitiríamos esta nova aberración urbanística. No permitiríamos que estragaran Marín unha vez máis. Xa pouco mar podemos ver, e moito menos desde a chegada dos contedores de Maerks que nos tiraron diante da Alameda. E @s nos@s políticos insistindo en taponar as vistas.
Non ten sentido seguir dilapidando cartos públicos en arruinar o futuro de Marín poñendo un novo obstáculo entre o pobo e a Ría. Non solucionaría os problemas de aparcamento en Marín privatizar o que hoxe é público para darllo a unha empresa. Non é de recibo transformar o prometido auditorio nun “edificio cultural”, sería a culminación dunha grande tomadura de pelo, para iso xa temos o salón de actos da Biblioteca Municipal. Biblioteca que merece unha maior atención por parte do Concello, merece unha ampliación ou unha nova edificación que sexa útil á gran demanda que ten.
No PXOM que tantos problemas ía solucionar non se incorporaron localizacións para novos equipamentos culturais e deportivos, o que demostra a incapacidade d@s redactor@s e d@s responsábeis polític@s para planificar o desenrolo do noso concello. Agora a solución máis fácil e menos imaxinativa e colocar un “mamotreto” nos terreos cedidos polo porto impedíndonos aínda máis achegarnos á Ría.

Autor: Pedro M. Cortegoso Gago
Colectivo Nacionalista de Marín


No hay comentarios:

Publicar un comentario