sábado, 1 de abril de 2017

MARÍN. OPINIÓN. A DOUS ANOS DAS PRÓXIMAS ELECCIÓNS MUNICIPAIS. POR PEDRO CORTEGOSO

Atendiendo la petición del remitente damos publicación al siguiente articulo de opinión:  

"Precisamos unha alternativa política que de un xiro a esta situación... o problema é que esta alternativa non se albisca por ningures. Nin a nova, nin a vella política son capaces de acadar un mínimo de ilusión no pobo. Non teñen proxecto para Marín, limitándose a inundar os medios con notas de prensa, fotos deles mesmos e plenos con mocións que pasan sen pena nin gloria."


Quedan dous anos para as próximas eleccións municipais e o Partido Popular xa ten á maquinaria en funcionamento coa “colocación” na liña de saída de seguros candidatos e candidatas para as grandes cidades. Mentres os partidos da oposición, agás o BNG que aparentemente saíu reforzado das últimas eleccións e da súa asemblea nacional, continúan nunha lea permanente entre os distintos sectores que os conforman.
No concello de Marín o PP fixo os deberes desde o inicio da lexislatura. A súa estratexia foi ter unha alcaldesa amábel e detallista, non meterse en leas, acudir a todos os actos socias de máis de vinte persoas e apagar os lumes antes de que prendan; diante só ten unha oposición incapaz de ilusionar. Con isto están gañando unha fama inmerecida de bos xestores, porén a xestión non está nin se lle espera. Na anterior lexislatura non se fixo nada destacábel en Marín, e nesta asistimos, por fin, á inauguración do novo centro de saúde, un proxecto que levabamos esperando máis de vinte anos.
Copiaron algo, non moito, das reformas urbanas de Pontevedra, carecen dunha política cultural estábel e limítanse a organizar actos ás presas e “inspirándose” nas iniciativas das asociacións culturais. Se rascamos un pouco non atoparemos ren, pois ren é o proxecto que ten o PP para Marín, só anuncios de obras irrealizábeis a curto e medio prazo para camelar á opinión pública.
Marín ten unhas dúas mil persoas desempregadas e un porto pesqueiro en decadencia no que apenas quedan barcos. O que onte foi o motor económico da nosa vila esmorece pola Política Pesqueira Común imposta pola Unión Europea e aplicada polos gobernos central e autonómico. Isto non parece preocuparlle a nosa alcaldesa que so levanta a voz para defender a Ence, unha empresa contaminante que cada ano ten menos persoal e hipoteca o desenvolvemento sostíbel da nosa ría.
Temos ao noso redor concellos onde medra a poboación, teñen unha axenda cultural estábel, cun desenrolo urbanístico harmónico e deseñado para as persoas, polo tanto é posíbel facer as cousas mellor.
As eleccións non se gañan nos últimos seis meses da lexislatura, cando aparece a hiperactividade política dos partidos, gáñase traballando desde o minuto un; construíndo unha equipa con capacidade e propostas serias para o pobo, coas ideas claras e sen pensar no falso rédito a curto prazo, que deseñe un urbanismo ao servizo das persoas, que planifique uns equipamentos culturais e deportivos á altura dun concello como o noso, que promocione a cultura e que defenda os nosos sectores produtivos.
Precisamos unha alternativa política que de un xiro a esta situación, unha alternativa sen hipotecas con Madrid, sen subordinacións a forzas políticas alleas á realidade galega, unha alternativa soberanista defensora dos intereses do pobo de Marín, que son os do pobo galego.
O problema é que esta alternativa non se albisca por ningures. Nin a nova, nin a vella política son capaces de acadar un mínimo de ilusión no pobo. Non teñen proxecto para Marín, limitándose a inundar os medios con notas de prensa, fotos deles mesmos e plenos con mocións que pasan sen pena nin gloria.

No hay comentarios:

Publicar un comentario