sábado, 27 de abril de 2019

MARÍN. ENTREVISTAS CANDIDATOS/AS ALCALDABLES. HOY: MIGUEL A. LEMA COUSO. SER DE MARÍN

Séptima y ultima de las entrevistas que hemos venido realizando a los candidatos/as a la Alcadía en las próximas elecciones del 26M. Se trata de Miguel A. Lema Couso que encabeza la formación vecinal 'Ser de Marín' quien justifica la existencia de la plataforma que lidera "pola falta de propostas serias para frear a decadencia de Marín..."

"Somos a candidatura máis numerosa e diversa, unha formación nova, sen vinculación política algunha"

- ¿Que lle animou a presentarse como candidato de SER DE MARÍN aos comicios municipais do 26M?
Hai oito anos o actual goberno local pediu unha xusta oportunidade aos marinenses mediante as urnas para sacar adiante un programa, e o pobo de Marín deulla, de feito,  deulle dúas maiorías absolutas seguidas. Todo iso combinado cunha aliñación planetaria de gobernos do mesmo partido que nos garantiría, segundo as súas propias palabras, unha boa racha para Marín. Pero pasa o tempo e ves que o actual equipo de goberno, que partía dunha posición moi vantaxosa en canto a relacións institucionais, non lle saca ningún proveito para o noso concello, déixao  nunha simple cuestión de imaxe. Non se nos escapa que por aquí pasaron presidentes de goberno, presidentes da Xunta, ministros e concelleiros varios, presidentes das máis altas cámaras do estado, e seguimos sen todas as cousas importantes que utilizan nos seus programas como reclamo. Non temos auditorio, nin aparcadoiro soterrado, nin centro de día para maiores, nin hoteliño con encanto en Loira, nin edificio de Pais (Baladrón) Cando crees firmemente que as cousas se poden mellorar, e moito, cando ves que Marín se vai quedando “atrás”, que as queixas e demandas dos nosos veciños e veciñas caen en saco roto. Cando ves que o equipo de goberno está instalado nunha posición cómoda sen preocuparse do que realmente é urxente, cando sabes que outros moitos concellos máis pequenos que o noso fan cousas e van crecendo mentres nós non facemos nada. Perdemos unha media anual de 200 habitantes, levamos desde o ano 2011 nesta situación e non se moveu nin un dedo por reverter esta tendencia. A falta de propostas serias para frear a decadencia de Marín fíxonos crear esta plataforma veciñal á que teño a honra de representar como numero un da súa candidatura.
- ¿Que estratexia seguirá de aquí á data das eleccións para atraer a atención e o voto dos marinenses?
O noso proxecto desenvolveuse en base a reunións e asembleas veciñais celebradas ao longo destes dous últimos anos, para coñecer as necesidades e preocupacións dos nosos veciños e veciñas de primeira man e chegar a acordos nas solucións. De aí naceu o noso Plan de Acción Municipal. Centraremos os nosos esforzos en conseguir que máis veciños e veciñas se sintan identificados co proxecto que nós representamos e sexan conscientes de que os únicos capaces de cambiar algo en Marín son os veciños e veciñas de Marín. Creo que xa está claro que somos a única opción nova nun momento social en que os partidos políticos ao uso están a perder a súa identidade, e iso a sociedade percíbeo. Estamos desvinculados de calquera formación política,o noso único interese é Marín.
- ¿Que resultados esperan alcanzar?
Somos a candidatura máis numerosa e diversa, unha formación nova, sen vinculación política algunha. Cada día recibimos máis apoios por parte da veciñanza de Marín o cal nos enche de ilusión e esperanza. Somos a candidatura do pobo, da xente que desexa mellorar, que mantén a súa esperanza, e confiamos en que os veciños e veciñas de Marín depositen a súa confianza en nós. 
- En caso de non acadar a maioría necesaria para gobernar, ¿que posibilidades hai de que busque apoio nas demais formacións políticas? Dito doutra maneira, ¿pactará vostede con outros partidos para formar goberno? E en concreto ¿con cal ou cales?
Nacemos do acordo de veciñose veciñas cuxo único interese é o ben de Marín, e como apuntei antes, non ten cor política. O noso plan de actuación municipal está cheo de propostas positivas, factibles e necesarias para Marín. É un bo documento para empezar a traballar. 
- Está claro que vostede considerará o seu programa como ilusionante e o mellor para Marín pero, en liñas xerais, ¿en que se diferencia do dos demais partidos?
Os únicos que podemos loitar por defender única e exclusivamente as cuestións que nos afectan como entidade, somos nós, os veciños de Marín. Nacemos por e para Marín, e por tanto esa será a nosa única directriz. O noso plan de actuación non pretende replicar ningún modelo de cidade, o que busca é que sexamos unha cidade modelo. Somos conscientes de que Marín necesita actuacións importantes e urxentes en varias áreas como cultura, económica, sociedade e nese sentido temos as cousas claras. Por unha banda responder ás vellas demandas dos nosos veciños, dotación cultural, máis atención ás nosas parroquias, asistencia e benestar dos nosos maiores, oportunidades para a mocidade, e por outra reactivación económica en áreas como emprego, turismo, comercio local ou a apertura de novas zonas urbanas recollidas no PXOM.
- ¿Que é o primeiro que vostede faría en caso de chegar ao goberno municipal?
Falar e chegar a acordos coas demais forzas independentemente do resultado. Nós cremos que Marín necesita un consenso amplo en cousas que nos afectan a todos. Necesitamos definir o modelo de cidade que queremos todos e en que cousas estamos verdadeiramente de acordo, dotacións culturais, Centro de Día para maiores, aparcadoiro, reactivar e potenciar o comercio local… 
Isto para nós son alicerces básicos e Marín merécese un gran acordo nestes temas que nos afectan a todos.
- ¿Como viu vostede estes catro anos de corporación municipal, é dicir, tanto do goberno local como da oposición?
Considero que o goberno local actuou como un mero xestor, realizando o imprescindible. Din que estiveron facendo un gran esforzo en distintas áreas e que hai moito traballo detrás pero seguimos sen Auditorio, sen aparcadoiro en condicións e sen todas as cousas que Marín leva tanto tempo demandando. Eu non cuestiono o traballo realizado, pero se cadra foi un traballo que non ía na dirección correcta, quizáis os obxectivos fixados para estes 8 anos deberían ter sido outros. É complicado facer algo desde a oposición cunha maioría absoluta diante e, a pesar de que se levaron cousas ao pleno por parte da oposición que se conseguiron aprobar, non é menos certo que unha vez aprobadas quedan no caixón, din que sí a cousas que despois non teñen intención de cumprir. Penso que é un problema endémico do equipo de goberno, non cumpren o seu programa e moitísimo menos o que veña da oposición, aínda que voten a favor nos plenos. En cambio, as verdadeiras demandas, as que nos venden nos seus programas electorais para gañar o noso voto resúmense con esta frase “nin están, nin se lle esperan”


No hay comentarios:

Publicar un comentario