martes, 28 de mayo de 2019

MARÍN. ELECCIONES MUNICIPALES 26M. VALORACIÓN RESULTADOS. BNG

Valoración do Responsable Local do BNG, Xurxo Agra, en relación cos resultados das eleccións municipais do 26M

"O gran número de candidaturas no espectro da esquerda favoreceu a dispersión do voto e a consecuencia foi que 1530 votos foron directamente ao lixo"

1. Desde o BNG de Marín queremos manifestar en primeiro lugar o noso inmenso agradecemento ás persoas que apostaron por nós na xornada de onte, tanto nas eleccións municipais (case 900 votos) como nas eleccións europeas (941 votos), así como a todas as persoas que colaboraron co BNG durante a campaña.

2. Desde o BNG queremos manifestar a noraboa ao PP polos resultados acadados nas eleccións celebradas onte, noraboa que lle foi trasladada persoalmente á Sra. María Ramallo tanto polo Responsábel Local do BNG, Xurxo Agra, como pola candidata á alcaldía, Lucía Santos.

3. Para o BNG o resultado é desastroso para Marín, mais que obviamente respectamos. O noso concello estará os vindeiros 4 anos gobernado por un partido que ten manifestado sobradamente carecer dun proxecto para Marín.

4. Estas eleccións desenvólvense no marco dunha fortísima competencia, nunha contenda con moitas candidaturas, sete, das que catro quedan sen representación e só sae un vencedor. 

5. O gran número de candidaturas no espectro da esquerda (a todas luces excesivo) favoreceu a dispersión do voto e a consecuencia foi que 1530 votos foron directamente ao lixo.

6. O resultado é negativo mais o BNG mantense como terceira forza política en Marín e obtemos un resultado digno nunha contenda terríbel. Neste contexto o resultado acadado polo BNG consideráse digno, e máis tendo en conta que un escasísimo marxe de votos nos privaron de acadar o 2º concelleiro, que o tiñamos cando o reconto estaba a piques de rematar, e que de mantelo tería suposto un gran resultado dadas as circunstancias.

7. No BNG analisaremos detidamente os resultados e continuaremos traballando intensamente para tratar de mellorar a vida da veciñanza de Marín, como vimos facendo, en permanente contacto coa veciñanza, e facendo as correccións que sexan precisas.

8. O BNG sae deste proceso moi fortalecido organizativamente pois reforzámonos nestes últimos meses cun número importante de incorporacións e colaboracións, xerouse unha gran ilusión entre a militancia e a base social, consecuencia dun traballo colectivo no que todo o mundo conta, e a nosa concelleira, Lucía Santos, será a digna representante do noso proxecto, ao servizo da veciñanza de Marín, nun concello con só 3 forzas políticas presentes.

Xurxo Agra do Pazo - Responsábel Local do BNG de Marín

No hay comentarios:

Publicar un comentario