domingo, 13 de septiembre de 2020

MARÍN. MARÍA RAMALLO DÍ QUE O BNG MINTE NO ASUNTO DA DÉBEDA A URBASER

Maía Ramallo, alcaldesa, replica a las acusaciones del BNG

"As argumentacións do BNG son falsedades e faltan á verdade deixando entrever unha escasa análise dos feitos relativos a este procedemento xudicial"

MARÍN. 13.09.2020. O Pleno da Corporación aprobou a adhesión do Concello ao Fondo de Financiación de Entidades Locais, unha solicitude que leva implícita a necesidade de realizar un Plan de Axuste, que tamén foi aprobado onte.
A solicitude para adherirse ao Plan plantexouse por parte do Goberno local, como xa se explicou en anteriores notas e como foi exposto en diversas comisións informativas aos grupos da oposición, para asumir o pago a Urbaser, a antiga empresa concesionaria do servizo de recollida do lixo, das revisións dos prezos do contrato, unha cantidade que estaba a ser derimida por parte dos servizos xurídicos e que agora foi sentenciada de xeito firme.
Esta aprobación saíu adiante cos votos favorables do PP e do PSOE. Pola súa parte, o BNG votou en contra, unha postura que sorprende ao Goberno local, xa que falamos dun expediente que ten a súa orixe hai 15 anos.
Desde o Goberno local non teñen claro se a petición de dimisión do concelleiro Manuel Santos e a depuración doutras responsabilidades políticas por parte do BNG é una cuestión de “ignorancia ou de deixadez” e pídenlle ao BNG que decida se quere ser “unha formación política responsable ou non”.

ARGUMENTACIÓNS DO BNG
As argumentacións do Bloque Nacionalista Galego faltan á verdade e deixan entrever unha escasa análise dos feitos relativos a este procedemento xudicial, que se irán aclarando nos seguintes puntos:
1.- O BNG acusa ao Goberno local de mala xestión. Mais, o actual Goberno local apenas leva xestionado os últimos 5 anos desta problemática contractual. Os 10 anos anteriores era o propio BNG o responsable da área de Goberno que xestionaba as negociacións coa empresa Urbaser. Salientar que foi a formación nacionalista a que privatizou este servizo na vila no ano 2001.
2.- De feito, a este equipo de Goberno, cando entrou a gobernar no 2011, xa lle tocou pagar á empresa as actualizacións relativas aos exercicios que van do 2004 ao 2007, nos que gobernaba o BNG nesta área.
3.- O BNG afirma que desde que o actual Goberno local asumiu as negociacións con Urbaser a empresa saíu beneficiada. Unha afirmación falsa, xa que no 2015 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia aceptou un recurso presentado polo Concello, que xunto con outros argumentos esgrimidos polos equipos técnicos municipais levaron a continuar co procedemento xudicial.
4.- O Goberno local non entende tampouco a que se refire o BNG cando fala de pésima xestión. Os números están claros. Aínda que nesta última sentencia obrígase ao Concello a pagar estas actualizacións a Urbaser, conseguiuse en favor do Concello reducir o que pedía a empresa en medio millón de euros.
5.- A responsabilidade que o BNG quere depositar unicamente neste equipo de Goberno non se pode soster, xa non só polos argumentos expostos até o momento. Hai que engadir que no 2017 foi celebrada unha Xunta de Portavoces, con representantes naquel momento dos partidos políticos da Corporación (PP, PSOE, BNG e Marea Marín), na que todas as formacións, cos informes técnicos municipais dispoñibles, decidiron continuar coa reclamación á empresa destes custos. Foi unha decisión unánime, que agora parece non querer asumir o BNG.
6.- Por deixar tamén as datas aclaradas, o BNG manifesta que as negociacións con Urbaser deste Goberno local extendéronse até 2019. Dato falso, xa que o contrato con Urbaser rematou en abril de 2017.
7.- Acusa o BNG a este Goberno local de non ter previsión de aforro de cara a pagar esta multa. Outra afirmación falsa, xa que o Goberno local conta cun remanente, xerado durante estes últimos mandatos baixo a súa xestión, que podería utilizarse para subsanar a débeda. Así a todo, e coa intención de non incurrir nun desfase de Tesourería, o Concello considera unha vía de financiación moito máis axeitada a adhesión ao Fondo de Financiación ás Entidades Locais, que precisamente recolle o pago de sentenzas firmes como unha das súas posibles aplicacións.
Con todo o exposto, o Goberno local prégalle a BNG que nunha serie de cuestións institucionais coma este teña “o fondo ben aclarado antes de atacar a xestión dun concelleiro. Non se pode ser superficial con estas cuestións”.

A maiores, o Goberno local considera “grave e preocupante” a falta á verdade que se da por parte do BNG con respecto ao plan de axuste. Falsedades que se aclaran, tamén, nos seguintes puntos:
1.- Este Plan de Axuste é o menos lesivo que se podía poñer en marcha, xa que non afecta, tal e como di o BNG, nin á veciñanza nin ao comercio. É terminantemente falso que se vaia subir o IBI a nivel xeral.
2.- A modificación fiscal que contempla o plan de axuste afectará só ás empresas afincadas no recinto portuario ás que, por outro lado, axustaráselles tanto o IBI como o IAE (Imposto de actividades económicas) para equiparar o cobro con Pontevedra, cidade que recada os impostos de determinadas empresas do Porto. Con esta medida, o Goberno local calcula unha recadación de 54.000 euros ao ano.
Por tanto, o Goberno local pídelle ao BNG “responsabilidade” na información e nos datos sobre unha cuestión que non era descoñecida para ningún grupo político da Corporación e que grazas a este equipo de Goberno está a resolverse, reducindo, como se indicou, a débeda en medio millón de euros e procurando a mellor forma de asumir o pago pendente, afectando o mínimo posible ás arcas públicas e á saúde económica do noso Concello.


No hay comentarios:

Publicar un comentario