lunes, 17 de mayo de 2021

DIAS DAS LETRAS GALEGAS. XELA ARIAS, E O SEU VENCELLO CON MARÍN. POR SUSANA TRIGO


Por Susana Trigo 

“Curiosamente toda a miña liberación de poeta postadolescente viguesa veu atopar fartura nun soto de Marín, o imprescindible Ateneo Santa Cecilia, espazo milagreiro que Miguel Villanueva Graña dinamizaba con paixón. Foi nun encontro literario, no Estruturas Poéticas 2, -ou sexa, o que hoxe sería un Teñamos a poesía en Paz, pero aínda con menos medios e difusión- onde comezou a miña relación con Xela. Eu xa coñecía a Helena de Carlos e máis fugazmente a Ana Romaní, todas nós aínda chamadas “poetisas” cando esta palabra xa renxía nos nosos ouvidos. Estabamos a estrear a condición de “mozas que escreben en galego” e xa coincidíramos nalgún certame de poesía. Da man de Xaquín Agulla Pizcueta cheguei ao Ateneo e ao mundo Kinkaya Fina que logo se converteu en Carel, unha publicación extremadamante coidada para o que era o mundo dos fanzines e as iniciacións artísticas. Ver na actualidade a nómina das mozas e mozos, e non tan mozos, que pasaron pola breve serie de Carel causa sorpresa prolongada e admiración. O caso é que Miguel Villanueva tiraba de nós e facía confluír moitas persoas cos mesmos intereses culturais. Eu estaba fascinada: publicaba poemas e debuxos nun soporte que foi dando corpo ao meu traballo. Xa non eran follas grampadas en carpetas. Os meus escritos comezaron a ter consistencia publicados na compaña dos escritos das outras poetas e tomaron azos. Falo de min como suxeito que representa en parte o que nos foi acontecendo, creo que máis ás mozas que aos mozos dos oitenta.

Eu coñecía a máis amigas que amigos que escribían pero publicamente eles sempre eran moitos máis e de todas as idades. A revista Dorna aparecera no 81, importantísima aglutinadora da creación literaria novel en Galicia. Pero sería Festa da palabra silenciada no 83 a que formalizaría unha toma de posición irrenunciable. Foi un punto de inflexión na que agora é a vizosa voz de muller nas letras galegas. Aí coñecín tamén os textos de Cristal, por exemplo. Así que, naquel contexto tan masculinizado, pero tan masculinizado como para definir sen pudor a “Festa da palabra” de revista tendenciosa, sectaria e molesta, na que se publicabas quedabas marcada, -ou sexa feminista-, naquel contexto, digo, aínda me sorprende e me admira que Miguel deseñase oito páxinas centrais no número 3 da revista Carel nas que conseguiu trazar algo así coma un feito xeracional en feminino na poesía xuntándonos a Helena de Carlos, Ana Romaní, Xela Arias e eu mesma. Son 8 páxinas ás que sempre lles tiven moito agarimo, coma se fosen un xuramento de sororidade que nos fixemos as catro, aló, na Alameda de Compostela, onde nos tiraran as fotos. Segue sendo máxico, porque nada apuntaba – ou quizais todo e iso é o que Miguel soubo ver- a que entre aquelas vinteañeiras xa se xestaban os poemarios imprescindibles Alta casa ou Vigo de Helena, Darío a diario ou Intempériome de Xela, Arden ou Estremas de Ana, por citar os que máis me conmoveron nos anos e décadas seguintes. Ese número de Carel é do 85 e xa no 86 Xela publica Denuncia do equilibrio e no 87 Ana autoedita Palabra de mar.

Tamén no especial “Xela Arias: voz galega de seu” do semanario Sermos Galiza do sábado 15 de maio deste ano publícase o artigo de Marga do Val, “Xela Arias e a terminoloxía útil” no que textualmente afirma:

“Tampouco sinalou nunca a crítica a importancia de revistas como Carel na visibilidade da escrita de mulleres, mesmo se reparase nela podería ter falado dun Grupo ou Xeración Carel, a revista de creación do Ateneo Santa Cecilia de Marín, coordinada por Miguel Villanueva. Nos números 1 (abril de 1984) e nos números 2 e 3 do ano 1985, hai poemas de Helena de Carlos, de Susana Trigo e de Ana Romaní e de Xela Arias. Cómpre revisarmos todo.”

No hay comentarios:

Publicar un comentario