María Ramallo valora positivamente a modificación da Lei de Patrimonio Cultural impulsada pola Xunta de Galicia
“Grazas á nova redacción legal as entidades locais poden autorizar intervencións menores para axilizalas, o que aumenta a rapidez na xestión e dá resposta ás necesidades da cidadanía"
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, valorou onte de
forma moi positiva a modificación da Lei de Patrimonio Cultural, impulsada
pola Xunta de Galicia, despois de participar na xornada de explicación da mesma
que levou a cabo o conselleiro José López na cidade de Pontevedra para todos os
municipios da área.
“A clave de todo é axilizar”, asegurou a rexedora
marinense, “mantendo sempre o rigor na protección patrimonial dos elementos que
teñen interese cultural”. Coa modificación da lei, poderán ser os propios
concellos os que autoricen pequenas intervencións nas que haxa afectación, como
limpezas de fachadas, renovación de pavimentos ou reparación de vías, entre
outras.
“Grazas á nova redacción legal as entidades locais
poden autorizar intervencións menores para axilizalas, o que aumenta a rapidez
na xestión e dá resposta ás necesidades da cidadanía. Ademais, garántese o
cumprimento de prazos de execución cando os Concellos impulsan proxectos que
dependen de fondos externos” recalcou María Ramallo.
O Grupo Municipal do BNG insta ao Goberno Local a concorrer a convocatoria de axudas a proxectos de posta en valor do Patrimonio Histórico
"Para protexer, divulgar e facer accesible un patrimonio único, ao tempo que impulsar un modelo de desenvolvemento cultural e turístico sustentábel para Marín”
O BNG levou á Comisión Informativa
de Promoción Económica e Patrimonio unha proposta para que o Concello de Marín concorra
á convocatoria do programa estatal do ‘Dous por cento Cultural’, impulsado polo
Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana, co obxectivo de financiar actuacións de
conservación e posta en valor do patrimonio histórico.
Lucía Santos considera
concorrer á convocatoria polo que “suporía unha oportunidade clara para
protexer, divulgar e facer accesible un patrimonio único, ao tempo que se
impulsa un modelo de desenvolvemento cultural e turístico sustentábel para
Marín.”
En tal sentido a concelleira
nacionalista en nome do BNG “insta ao goberno municipal a aproveitar esta
convocatoria e presentar un proxecto rigoroso que permita acceder a estes
fondos estatais e avanzar na conservación e posta en valor do patrimonio
arqueolóxico de Marín.”


No hay comentarios:
Publicar un comentario