miércoles, 26 de noviembre de 2025

MARÍN. DEBATE SOBRE A PROPOSTA DO BNG DE 'ABRIR MARIN AO MAR'. POSICIONAMENTO DO GRUPO DE GOBERNO. POR MANUEL SANTOS COSTA. CONCELLEIRO PORTAVOZ DO PP

"Apoiar a iniciativa do BNG sería dar alas a unha utopía que non vai ser realizable, por moita vontade política que queiran esgrimir"


"O Bloque Nacionalista Galego propón unha idea que consideran súa e que só entenden dunha forma: a de recuperar o noso litoral urbano. O problema é que a súa consideración de que é o litoral, como está nestes momentos utilizándose ese espazo urbano e a proxección futura de usos que propoñen cae en moitos casos na incoherencia, cando non na imposibilidade directa. 
En Marín fixemos unha aposta por contar cun dos cinco Portos de Interese Xeral do Estado de Galicia y fronte a ese “desartellamento”, o que se acadou nas últimas décadas foi un aumento das cesións do espazo de dominio público portuario a uso cidadán, representando a día de hoxe un 6% do mesmo: o Paseo da Avenida de Ourense, o Parque Azul de Cantodarea cos seus locais e pistas deportivas, a antiga dársena, o Paseo Alcalde Blanco, e os novos accesos á zona S-O da zona de servizos.
Un dos problemas de base desta moción é o descoñecemento que ten o BNG tanto do Porto como da Escola Naval Militar. A súa posición contraria e ríxida con respecto a estas dúas
institucións impídelles ver e achegarse ao seu funcionamento e realidade. Por iso, cometen o erro de pensar que as instalacións de ambas “presentan un grao elevado de infrautilización”. Isto está totalmente alonxado da realidade.
No caso do Porto, falamos dunha infraestrutura empresarial que xera o 4,3% do emprego de toda a provincia, con 13.000 empregos directos, indirectos e inducidos. Nel están instaladas máis de 100 empresas e o problema que existe neste momento precisamente é que teñen falta de espazo tanto para poder ofrecer mellores instalacións a algunhas das súas empresas que precisan de ampliacións ou para acoller novas firmas, que teñen interese en asentarse na nosa vila, co impacto positivo económico e social que iso ten. Polo tanto, todo o contrario á infrautilización.
Algo semellante acontece coa Escola Naval Militar. E non o dicimos nós, díxollo ao propio BNG o Goberno de España en resposta a unha pregunta formulada polo seu deputado Nestor Rego no Congreso dos Deputados. A Escola Naval, que é a nosa Universidade, “mantén unha política activa de apertura á cidadanía, pero é que ademais diso, o Goberno explícalle claramente ao señor Rego que o número de alumnado está crecendo e a tendencia prevista é que este incremento se manteña, xa que o obxectivo do Ministerio de Defensa é o de aumentar a plantilla dos cadros de mando da Armada. Tamén está prevista a creación do Centro Universitario da Defensa, o que conlevará un proceso de redimensionamiento dos espazos. E ante esta situación, que, repetimos, nin sequera contestamos nós como PP de Marín, o BNG insiste en presentar unha moción que non se axusta á realidade e na que recolle obxectivos que sabe a ciencia certa que non son posibles de levar adiante.  Ademais, a incoherencia coas súas propias posturas a nivel local é chamativa. Na moción fala de recuperar espazos do litoral urbano para “dotar de zonas de lecer e equipamentos culturais”. Vaia… pois desta vez si que estamos dacordo. 

Desde o PP de Marín levamos anos e anos traballando para un obxectivo que si se está a facer realidade: a construción dun equipamento cultural, o noso Auditorio, nunha das parcelas de dominio portuario que foron cedidas a uso cidadán. Unha ubicación que sempre foi criticada polo BNG. Así que… non entendemos… Agora si que están a favor do Auditorio, tendo en conta que é unha das cousas que reclaman nesta moción, ou tampouco?
Fálase tamén de “reactivar o comercio de proximidade e o sector turístico”, ambas liñas que son defendidas por lo Goberno local. De feito, día si e día tamén, desde a oposición estase a criticar unha obra fundamental para reactivar todo o comercio e a hostalaría da Avenida de Ourense, como é a humanización da beira pegada aos edificios, cos seus correspondentes baixos comerciais. Iso si que é apostar por mellorar o entorno do comercio local e non crear un novo paseo cando xa temos toda a Avenida de Ourense pola beira do Porto e, de aí, todo un corredor verde ata as nosas praias, declarado como Sendeiro Azul.
Ademais, o BNG fala de mellorar a nosa integración porto-cidade como se este Goberno local non o tivera tamén entre as súas prioridades. De feito, recollen na súa moción o que di a Axenda Urbana Española. Recomendámoslles que lean a Axenda Urbana de Marín, documento estratéxico encargado por este Goberno. Se aínda non a revisaron -unha pena-, indicámoslles que no apartado de “Cohesión social e Gobernanza” atoparán tres proxectos pilotos para mellorar a integración Porto-Escola Naval-Cidade, co obxectivo de reducir o descoñecemento da cidadanía sobre a actividade de ambas institucións a través de visitas guiadas e rutas pensadas para a cidadanía.
Estamos dacordo en que o mar é o que define de maneira esencial a nosa identidade. Por iso, non entendemos que unha infraestrutura portuaria sexa atacada e criticada, tendo en conta que é sinónimo de pesca, traballo, progreso e innovación dentro dos sectores do mar, aos que os marinenses nos levamos adicando séculos, pero sempre adaptándonos á propia evolución do sector. Non só entendemos o mar como unha paisaxe idílica fronte á que pasear, senón tamén como o motor económico do que dependen miles de familias e que debemos coidar sostiblemente a través do traballo.
O BNG quere construir este proxecto desde a cooperación institucional, pero sentimos se somos escépticos, dado que por parte do BNG sempre atopamos un NON de cada vez que tratamos de recuperar e mellorar espazos de dominio portuario para a cidadanía.

Posicionamento do PSOE. Ver enlace

Posicionamento do BNG. Ver enlace

No hay comentarios:

Publicar un comentario