![]() |
| Foto: ELP |
Durante décadas,
a configuración do espazo urbano en Marín estivo determinada por unha lóxica de
control, de ocupación estratéxica e de beneficio unilateral. Pero esa lóxica
esgotouse. O urbanismo moderno, os principios de desenvolvemento sostible e a
propia lexislación estatal e autonómica - nomeadamente a Lei 2/2016 do solo de
Galicia e a Lei 22/1988 de costas - instan a poñer os espazos costeiros ao
servizo do interese xeral, priorizando os usos públicos, sociais, culturais e
ambientais. Non é un capricho, é unha obriga legal e política.
A apertura de
Marín ao mar suporía unha operación de reequilibrio territorial e de
democratización do espazo público. Falar de cesión gratuíta por parte da
Autoridade Portuaria ou do Ministerio de Defensa non é unha utopía, é unha
acción perfectamente viable e documentada por precedentes como os de Ferrol.
Pero require vontade política firme e aliñamento institucional.
Os beneficios da apertura litoral non son só urbanísticos ou ambientais. Son tamén económicos. A recuperación do bordo marítimo permitiría artellar un novo modelo de desenvolvemento baseado no turismo sostible, o comercio local e a creación de emprego vinculado ao lecer, á cultura e á restauración. É sabido que a posta en valor de espazos costeiros mellora a calidade de vida, incrementa o atractivo turístico e dinamiza o pequeno comercio de proximidade. En Marín, onde o tecido comercial sofre a competencia das grandes superficies e a perda de centralidade, a apertura ao mar podería representar unha auténtica palanca de reactivación económica.
A actividade
portuaria non desaparecería nin debe facelo. Pero cómpre reequilibrar os usos e
redimensionar espazos que, a día de hoxe, non cumpren funcións efectivas. Hai
terreos infrautilizados, zonas sen acceso nin funcións definidas e naves con
concesións prescindibles. Transformar estes espazos en parques urbanos, sendas
peonís, instalacións deportivas ou centros culturais non só é razoable, senón
urxente. É, en definitiva, unha expresión práctica dun modelo de vila que
aposta pola cohesión social, a sustentabilidade e a memoria.
Porque o mar en
Marín é identidade, é historia colectiva, é futuro. Non abrilo á cidadanía é
negar esa identidade. E negala é perpetuar unha inxustiza que nos empobrece a todos.
É hora de transformarmos valos en camiños. De facermos do litoral unha porta
aberta. Marín merece vivir coa súa ría, non de costas a ela. Por dereito, por
dignidade e por un futuro en común.


👍
ResponderEliminar