“Presentamos un auténtico equipazo composto por persoas preparadas que forman parte de diferentes movementos asociativos culturais, sociais ou sindicais, disposto a levar a cabo o cambio transformador que tanto precisa o noso concello.”
(Clicar sobre la imagen) |
O BNG de Marín aprobou a candidatura coa que concorrerá ás vindeiras eleccións municipais do vindeiro 28 de maio. A candidata á alcaldía e actual portavoz na Corporación Municipal, Lucía Santos, destaca “a grandísima formación, capacidade, competencia e ilusión” deste equipo de 28 mulleres e homes, que a partir de maio “porá en marcha a necesaria transformación que Marín merece.”
Lucía Santos manifesta que “Marín precisa un proxecto ambicioso e ilusionante, coa finalidade de construir o Marín dinámico, vivo e con futuro co que todos e todas as marinenses soñamos” Para isto, o BNG presenta unha candidatura renovada na que figuran 21 persoas titulares e 7 suplentes.
A lista está encabezada por Lucía Santos Omil, administrativa, traballadora no comercio local durante dez anos, colaboradora en diferentes entidades culturais, de promoción da lingua e memoria histórica, portavoz municipal do BNG desde 2018 e concelleira desde 2015. A número dous é Celia García Santomé (Grao en Ciencias Políticas e da Administración, e Mestrado en Marketing, Comunicación Política e Consultaría), seguida por José Souto Piñeiro (emprendedor marinense de recoñecido prestixio, director dunha empresa de paisaxismo que recibiu numerosos premios a nivel galego e internacional). O posto número catro é para Tino Iglesias García (Especialista universitario en Xerencia de Riscos e Seguros, e destacado activista cultural). No posto cinco vai Davinia Lojo Amoedo (Grao en Ciencias Políticas e da Administración, mestrada en Técnicas Estatísticas e tamén en Liderazgo e Comunicación Política).
O primeiro tramo o completan Xurxo Agra do Pazo (Licenciado en Ciencias Políticas e traballador da Sanidade Pública), Pamela Martínez Cortegoso (administrativa), Esther Crespo Iglesias (ex-concelleira do BNG), Xoán Daniel Rosales Rivas (presidente da Comunidade de Montes de Santomé) e Pablo Blanco (traballador do Servizo de Axuda no Fogar-SAF).