INSTITUTO DE MARÍN. ANTIGUO LABORAL. IRMANDADE DE ANTIGUOS ALUMNOS

Memorable Discurso de ex Alumnos pronunciado por Fernando Otero Otero de Bueu con motivo de la celebración, el 2 de octubre de 2016, del sesenta aniversario del primer fin de curso del Instituto Laboral 1955/56.

Por Fernando Otero Otero
Marín, 1 de octubre de 2016

Cando xa hai un ano, o compañeiro Angel García Carragal, alma mater de estas xuntanzas, así de súpeto, tivo a ben nomearme candidato único para que hoxe vos axudaxe  no tránsito de esta hora, colleume así un tanto desprevido, posto que eu como sabedes son máis ben novo na confraría. 
Aínda así nas poucas xuntanzas  compartidas, puiden decatarme da autenticidade do devandito popular ese que demostra como unha historia vivida por cen persoas, ten cen versións diferentes en cada unha delas. A cuestión é engadirlle ou sacarlle máis ou menos bombo.
 Como eu non cheguei a ser artista, nin a ocupar ningún cargo político, tanto no poleiro coma no galiñeiro, nin no mundo dos cartos brancos ou negros, nin no relixioso, aínda que de pequeno quería ser cura, quedeime nese grande campo anónimodos que pasamos a vida a traballar para que os nosos fillos  etc etc. Conste que non o fixemos por mal. Pero ahí quedamos. Ou sexa que son  algo así comaBalbinoaquel rapás da aldea, mentado pordon Xosé Neira Vilas, Diolo teña alá.
      Son Bachiller Laboral Elemental Modalidad Marítimo Pesquera, coma todos vos, segundo consta no Diploma do ano71, refrendado por una póliza de 50 pesetas. A miña  vida profesional transcurreu no mar, sempre a pesca na meirande parte dos caladeiros, aínda que son Titulado Náutico Pesqueiro e da Mariña Mercante como Mecánico Naval Maior, seguindo de rebote a tradición familiarpois o que a mín me tiraban sempre foron as letras. Con 23 anos tiven o primeiro barco ao meu cargo no banco Canario Sahariano. Non vou a falar diso. Todos sabemos como son os ciclóns nas Azores, as barreiras de xeo en Groenlandia, os ventos do Cabo de Fornos, ou os maretóns no Índico. Os de terra poden míralo en you tube que poñen videos dabondo.
Son tamén autor dun libro editado por Fecimo aló polo Samartiñode 2010, do que pode aparecer algún exemplardos mil que se puxeron á venda. O seu título é “De Petís á Carrasqueira”, e fala das miñas vivencias en Bueu nos anos 60 e 70.  É un libro para maiores…, a os mozos non lle importa se nós xogábamos á cachiza ou se collíamos a os xílgaros cun panterlo. Algún tema tócalle a Marín tamén. Está ilustrado con 50 debuxos de rincóns de Bueu xa desaparecidos, feitos por mín a tinta, e trata de 120 temas, con pouco máis de trescentas persoas da vila entre  carpinteiros, médicos, practicantes,  mariñeiros, albañís, regateiras ou atadeiras entre outros.Xente que nunca saíu nun libro. Xente do pobo. Se algún de vos non tivo a oportunidade de lelo, non teñades pena, coñezo a moitos que nunca leron o Quixote ou o Diario de Pontevedra, e andan pola rúa máis tesos que se lles tocase a lotería.
     Esa idea da xente ignorada pasóuseme pola cabeza cando tentei de darlle forma a estas palabras. Así pois comecei a tratar de recabar información sobre Marín por amplialos xa vellos recordosde estudante.  Fíxenme  con  algúns libros referentes á historia da Vila. Por suposto o primeiro deles foi a moi completa recopilación de artigos, do noso mentado promotor Angel.Pero eubuscaba algo más concreto no tempo. O segundo fíxome renegar da idea, pois resulta que o seu autor, descoñecido para mín, tratando de afondar na historia, comezou por poñer unha lista de ¡32! reis, príncipes e papas,vencellados á Vila por escritos ou estadías na mesma, rematándoa con puntos suspensivos, como se houbese máis. De Jefes del Estado non dí nada. O que sí vos poido asegurar é que por Bueu non pasou ningún deles, agás estes dous derradeiros en visita gastronómica. Foi ao ler iso cando me decatei da miña ignorancia e nunha rabincheiracollín e metino no caixón das almas perdidas. 
Entón espremendo os miolos,  acordei limitar esta intervención ás vivencias  comúns atodos nós. Fun á Cañota una mañá de poalleira 50 anos despois, e onde estivera o edificio principal e administrativo do Instituto Laboral, atopeime cun xeito de xardín cunha fonte, un gato pedrés, unha farola, dous bancos, e dúas pérgolas coas súas correspondentes enredadeiras para esparcemento dos pardais.  Nada máis. O resto dos pabellóns coas vivendas a lo menos por fora, continúan coa mesma estructura  e aparencia de  hai 50 anos. Vaia una cousa pola outra.
        Afinquei o pé por primeira vez na Cañota no derradeiro curso impartido alí polo Instituto Laboral. O 65-66. Entrei en segundo xa que o primero cursárao por libre en Bueu sendo enxaminado en Pontevedra. Lembro a apertura de curso coas autoridades invitadas uniformadas de branco, negro, verde e azul coas súas correspondentes  medallas, cruces e insignias, alíno salón de actos do edificio principal, máis ou menos onde o outro día se atopaba o gato. Completábao o ximnasio, a aula de debuxo, a de 5º curso, as oficinas e o comedor. As aulas estaban como todos sabedes subindo as escaleiras do patín no primeiro andar nos pabellóns do canto dabaixo, incluído o taller.
     
Xuntanza antiguos alumnos Instituto en Aguete-Marín
Imagen 1.10.2016

Lembro ao señor Martínez co seu bigotiño na oficina metendo os plegos de papel carbón na máquina de escribir. Sempre lle faltaba a póliza de 5 pesetas, cando por alí preto non cadraba ningún estanco. Os documentos adoitaban rematar coa mesma cantinela: Dios guarde a usted muchos años. Non poñían amén.
     Lembro á seña Marina e a súa compañeira Maruja de mandil branco, unha parexa ben compensada, unha flaca e a outra non tanto, traendo as perolas de aluminio co potaxe de garanbanzos, ou de feixóns na hora de xantar. Ambalas dúas viñeron tamén no seguinte curso xa para o edificio novo. ¡Come rapás!
 Lembro á vella das lambonadas, a seña Pilara, no recreo sentada nunha banqueta detrás dunha patela chea de morotes, fresas ventureiras, chicles e pitillos soltos. Todo á peseta. Nos petos do mandil negro  gardabaos patacos ou realitos da volta. Nunca se equivocou coas contas, nin consinteu que lle desen gato por lebre. Co xenio que tiña a ninguén se lle ocorría pintar o parvo con ela.
     Lembro as xeadas de Xaneiro poñendo as ourellas tesas,polas cunetasenlameiradas do ramaldende a estrada xeral a Pontevedra, ata a barriada. As ouvellas nas veigas cheas de tendais da roupa branca ondeando co vento do nordés.
     Lembro o frío do tallerlóbrego, na pranta baixa do pabellón  onde tiñamos a nosa aula, mentras trataba de pasarlle a escuadra a un perfil de ferro mil veces repasado pola lima, a súa vez outras mil veces repasada pola carda. A chepa da cara de referencia, ía engordando pouco a pouco
     Lembro o uniforme oficial do centro que moitos aínda levaban posto. En non cheguei a iso, polo menos xa non era obrigado. Chaqueta azul de pana, co seu escudo bordado no peto “pola fé e o traballo”, en latín. Curioso porque esa materia éranos allea aos temarios. Camisola caqui e garabata de liga, e por suposto o cinto coa fevilla da OJE. 
     Lembro as mañás de sol morne da primavera, cando polas ventás abertas da aula, entraba algunha pedra de revolo mandada polos rapaces nativos da Cañota. Pedras ou ovos de merla, que tamén os houbo.
     Lembro tamén a dúas profesoras que non viñeron para o novo Centro. A de lingua,Señorita Daría Gonzalez, da que moitos anos despois  souben o seu curriculo coma militante do Partido Galeguista nos anos da República. Sendo así non me saen as contas, posto que pola Lei de Responsabilidades Políticas  da época supúñase que o repeneirado de Mestres fose á concencia. A outra, de matemáticas, a Señorita Olimpia. Os demais penso que viñeron todos.
     Xa no curso 66-67 estreamos o edificio  novo, o que perdura, aínda que as novas leistraten de esconder a súa orixe, o cal é o mesmo que esconder a nosa. Ese Centro ao que nós contribuímos ao seu remate, prantando os buxos e os arboliños do antexardín, e achairando o xabre do patio para xogar ao voleibol, foi feito polo Réxime deses anos, para que nós os fillos de traballadores poidésemos ter camiño  á cultura. Non se trataba de outro Escorial para disfrute dos que mandaban. O da súa denominación consideroo secundario. Os nomes van e veñen dependendo do momento político, pero a pedra perdura por sempre.Deixo así o tema, non quero ferir sentimentos de ninguén, pero neste país se fósemos a tapar tódolos escudos amoreados ao longo da súa historia,o único que quedaría ao sol serían as polas dos eucalitos. Non se pode confundir o touciño coa bicicleta.
     Nese Centro, comezou o Abril da nosa vida.
     Quero adicar unha pequena homenaxe ao persoal que contribuíu ao funcionamento do mesmo. Alomenos a os que tiveron trato directo connosco.
      Primeiro o persoeiro fundamental no comezo. Manolo o Conserxe.Imprescindible para todo, coma o médico do seguro. Flaco, roxo e con pelo de rato, pero por riba de todo compañeiro. Veu connosco na viaxe do fin deestudos por terras de Castela . Tanto en León coma en Salamanca ou en Valladolid, non quedou chiringuito nocturno sen visitar. Apuntaba directoaos barrios de calexóns estreitos  tortos i escuros, deses que non saían nos xornais. Como moito no Caso. Os nosos 15 anos non precisaban de máis.
     E segundoKaty. Esta veu no seguinte curso 67-68 coma celadora para as rapazas de nova implantación. Iso era competencia coas monxas. As rapazas precisaban medrar un pouco máis. Pero ela xa medrara ben, e nós estabamos niso. Polo tanto máis dun no recreo non paraba de dar reviravoltas  arredor da entrada por tratar de sacarlle palique, esquecéndose incluso do bocadillo.
     E agora os profesores. Don Ramón,Troncho, o Director. Literatura.Dábanselle ben os romances medievais, “Que por Mayo era por Mayo, cuando hace más calor.” Non era mal tipo se ben daba a impresión de estar un pouco a sombra da súa dona Maria delCarmen Panisse, Xefa de Estudos, e profesora de Física e Química. Esta levounos un día ao laboratorio para informarnos da súa existencia. Alí había, recordo, unha balanza de precisión coas pesas de latón, naturalmente, un telescopio semellante a o de Ramón yCajal, e algún chirimbolo máis. Pola parede pendurados  representacións de animais delouza. Gardo a memoria concreta dun ollomol esmagado co bandullo de fora. A sua forte personalidade convirtíuna en abandeirada dunha das dúas posicións nas que aparentemente se dividía o profesorado. Paradóxicamente velaba máis ela polo mantemento da lingua do Imperio  que o seu home.  Sempre tiven boa nota tanto con ela coma con el.
     Historia. Don Antonio Porta. Paleolítico. Sanapismo.  Poderíase tomar físicamente por Antonio Machado.Coas cronoloxías metía medo. Levounos a Mogor a ver os petroglifos. Recordo o intre da chegada cos rapaces nativos da barriada esperándonos con pedras nas mans, e algunha machada tamén. Non pasou nada. Foi substituido por Carmen Del Río no curso 67-68, nós en cuarto. Moza aínda, roxa e cunha planta moi probablemente causante da miña afección pola historia. Deume a única Matrícula de Honor que levei na miña vida. Aquí quero subliñar un feito acontecido en Maio do 68 por mor dun enxame imposto por elasen previo aviso, e rexeitado por todos nós largándonos para a alameda o resto da mañá. Apareceu o municipal Leal na moto a buscarnos, pero non retornamos. Rapazadas. Á volta seica estivera un policía tratando de saber co Director se o noso tiña connotacións políticas. Non esquezamos que en Santiago na Universidade estaban en folga sendo Ministro de Educación Villar Palasí. Ou sexa que en Marín sí que houbo tamen un xeito de Maio de 68sen nós sábelo ainda. Apunta Angel.
    

Matemáticas. Houbo máis dun. En cuarto veu unha compañeira da de historia que tivo a boa idea de botarme fora da clase sine die, porque mentras estaba de costasesgrabellando no taboleiro, zumbeille cunha flecha de papel no pelo xusto no intre en que se reviraba. Iso valeume un suspenso en Xuño e un verán no  que puiden aprender matemáticas de verdade dadas por un antigo alumnoque por ahí debe de andar, Avelleira. No seguinte curso, o quinto do 68-69, veu un tal Luciano Pardavila,mozo ainda, foi o que nos levou de excursión de fin de estudos por Castela. Primeiro deunos a idea de recaudalos cartos facendo quinielas con equipos de 1ª 2ª e 3ª división. O papel poñíao a librería de Maky, e o contido poñíamosllo nós a máquina. A peso o boleto. De non haber acertantes, todo quedaba para nós. Gardo algunha mostra orixinal.
Ciclo Especial. Don Heraclio Hermida. Completo coma el só. Levábanos a merendar á leira que tiña en San Pedro, de onde trouxemos os ramallos para prantar no ante xardín, e ao chiringuito da Praia de Aguete para botar una rapeta. Alí tiña de todo como se fose a cabana de Robinsón Crusoe, garrafóns ben cheos, e latas de conserva como para agantar unha longa seca. Con el soubemos do Museo de Bueu, daquela Museo Marinero, e hoxe Museo Massó. Todo queda na casa. Ensinounos a navegar coa carta do estreito de Xibraltar, por exemplo, ou que o nome centífico do bacallao era Gadus Morúa. Todos lembrades moitas anécdotas súas de seguro. Por tanto xá abonda. As prácticas impartíaas o señor Andrés, veciño dalí da Cañota como redeiro e profesor de nós.”Vuelta a un noray con dos cotes”
Tecnología Mecánica e Talleres. Don Paulino Sánchez. Como eu non daba pé con bola na teoría nin na práctica, un día preguntoume se por casualidade coñecía algunha máquina aínda que fose de ouvidas. Eu contesteille todo cheo de razón que a de coser de miña nai. Desarmeino. El veña, coa Caixa Norton, e coa roda de 127 dentes para roscar no torno. Abandeiraba a outra banda na fronte da Panisse.  Nos talleres, o señor Rivero en carpinteiría, lembro o letreiro que fixo para o puente dun barco, Asunción, chamábase, mentras nos ensinaba o ensamble en cola de milano á trencha. E don José Sánchezen electricidade, a facer empalmes de aramio.
Relixión. O cura vello don José Saez Pichel. Deixábanos dormir a soneca nas tardes de abril cando o sol escachaba nas persianas, facendo que non se enteraba. O mesmo sol causante segundo el do Dogma da Inmaculada Concepción, “sin romperlo ni mancharlo”.
Inglés. Mercedes Puig, ensinaba ben e tiña bó acento. Poido decir que saín cunha boa base, ampliada máis tarde nos meus posteriores  estudos, e estadías en outros países xa navegando, Máis dunha traducción de manuais de instruccións de maquinaria fíxenos gracias a esa primeira formación. Aparte diso podíamos trabar conversa con Balán na linia a Bueu, e nos chiringuitos canarios co persoal vikingo feminino cunha certa soltura e sin achicarnos. O cubata na man axudaba moito tamén.
Dibujo. DonJosé Roselló.Atila rey de los unos, non era para tanto. Calquera que non o coñecese  negaríase a crer que fose tan bó profesional ademáis de artista. Penso asimesmo que coma persoa era un tipo recto pero legal. Ensinounos a lle perder o medo á tinta china cos tiralínias e a afiar o lapis cunha folla de afeitar e unha tablilla de papel de lixa. Meteunos na testa a idea da luz e do espacio, dos ángulos das línias de fuga e os sistemas de proxección. Calificando por centésimas, conseguir un aprobado con él era una festa. A miña nota rondaba entre un 6 e un 6,95.Lembro nos exames que nos facia o intre de se erguer da súa mesa debido as súas trabas físicas, co ruído dos libros petandonochan dende as mesas articuladas. Era o mesmo, total nunca poñía preguntas directas. Lembro a estufa eléctrica para defendelos pés da friaxe da aula, e o seu seiscentos adaptado.  Tamén lembro un asalto a aula no que lle estragaron un cuadro seu sen rematar co tema dunha praia mediterránea. Nos temas que puso para o fin de estudosa xeito de tesina, a mín tocóume Rotulación Industrial, calificado por fín cun 7 redondo. Algúns anos despois algunha lámina miña aínda ficaba pendurada na parede das escaleiras ao primeiro andar.
     Xinasia e FEN. Don Manuel Gonzalez. Segredario. A mín o do plinton e demás aparellos non me tiraban moito. Nas carreiras a San Pedro, eu e algún máis quedabamos agachados na Igrexa mentres o resto ían coa lingua de fora pola casa deshabitada arriba. Ou sexa que de deportes, nada. Pero ollo, porén nunha competición de xadrez en Pontevedra no local da OJE, quedei de segundo, con medalla incluída, que por certo nunca cheguei a ver. Si, se me daba mellor os temas de FEN con aqueles enmarcados  cos seus titulares con letras de chocolates La Perfección. A Familia, o Municipio, o Sindicato, Por el Imperio hacia Dios. Case nada! Unha materia compensaba a outra. Recordo o entusiasmo de don Manuel  ao tentar explicarnos a Ley Orgánica do Estado.Non representaba para nada a idea de tipo duro do Réxime. Era entón unha persoa afable no trato, e lembro unha coral que formou no noso curso, 5º, con temas tradicionais cantados en galego. Daquela iso era moito. Era o que se coñecía como a diversidade dos pobos de España, en moitos aspectos máis respectada que hoxendía. Arrepíanseme as carnes cada vez que oio á miña neta chamarlle ao porco PepaPig.Tamén recordo un colega francés convidado por el, que veu cargado de pelotas de rugby como agasallo. Gardo coma unha reliquia unha foto na que estou con el e con don JoséRoselló no intre de entregarme o Diploma da Matrícula.
    
Inauguración exposición fotográfica do Instituto Laboral no
Museo M. Torres de Marín. Imaxen 1.10.2016.

 A todos eles o meu recoñecemento. Cos medios que a situación económica e política do país lles permitían, arrimaron o lombo coma todo o mundo inculcándonos os principios  da responsabilidade, do respecto, do espírito de traballo, e da integración na sociedade, e fixeron de nós persoas suficientemente formadas para enfrentarnos coa vida, nun tempo no que a ninguén llas daban fritidas.
Quero tamen tocar un tema que nunca tiven moi claro. Nós fixemos a Reválida en Marín no ano 69 por primeira vez na historia do Instituto. Viñeron alunos laborales de toda a provincia a saber, de Vilagarcía, Tui e Lalín coas súas diferentes Modalidades. En Marín as rapazas levaban dous cursos só, pero noutros tiñan que levar máis porque concretamente do de Lalín viñeron mozas ao exame. É de supor que o Título seu sería de Bachiller Laboral Elemental, coma o noso, aínda que a denominación do Centro fose Instituto Técnico de Enseñanza Media. Gardo tamén os papeliños co temario de tódalas materias. Unha lideira coma outra.
     
Comida de confraternidadde no Club de Aguete
Imaxen 1.10.2016

E para rematar darlle una ollada a aquel Marín da época. O Marín da Escola Naval, cheo de persoal militar. Os herdeiros dos vencedores de Lepanto e dos perdedores de Trafalgar, Cuba ou Cavite chamados popularmente“capullos,” inchando o peito dentro do seu uniforme. Os mariñeiros a montar garda no portalón coa baioneta afincada no mosquetón Mauser, e as fragatas Álava e Liniers, sempre amarradas ao peirao.O Marín do Botón de Ancla, do Hostal do Mar ou do Mesón do Marisco.
 O Marín do Xarángallo Mángallo con Juanetede abandeirado zumbándole ao bombo polo antroido. O mesmo Juanete que nunha visita de dous destructores iankis, cambeou o precio do servizo de limpabotas de unha peseta a un dólar, alí na Alameda. O Marín de Pepito Meijóncoa ferramenta ao lombo ampliando o patrimonio artístico da vila. O Marín de Ismael coa chaqueta das actuacións brillante de lardo no carromato de Cadilleiro sempre co seu colega Patata. De Xiraldo,  de Ramiro Nécora, esa xente que non saenos libros.Do trole de dous andares. Da administración do autobús de linia a Bueu, con fonda incluída para alumnos de Cangas. O mesmo autobús de línia no que Balánbotaba un pasodoble a peito, mentras o revisor turraba coas labregas de Santomé.
Dos cines Avenida e Quiroga, con películas coma Doctor Zhivago, ou El Graduado. Dos cafés Colón, Lelé,  Carballinés, o Cortijo, o Ancla coa máquina de discos, dous un peso. O Kore máis moderno. A Cafetería Real, cos seus camareiros de chaqueta branca. A veciña A Dorna onde tomamos os primeiros vermús. Ao seu carón a taberna do Paraugueiro xa na esquina da Roda, co seu dono, o señor Antonio afiando os cóitelos tódolos días para poder mirar ben o sol a través de cada rebanda do chourizo do bocadillo, a peso. A librería de Maky, proveedora de material para o ensino e o quiosco de Nely, onde se podía mercar a revista Fans, e Mundo Joven, únicas especializadas en música. Da eterna xenreira cos alumnos dos Paúles. Dos paseos pola alameda, de algúns primeiros amores con alumnas das monxas, ou compañeiras da viaxe na línia. Paraules d´amor, sensilles i tendres, no sabíen mes, teniem quinse anys.
 Foron os anos nos que se editaron temas musicais hoxe clásicos inmorrentes, os anos dos Beatles, os Rolling Stones os Who, os Festivais de Eurovisión, Cansó de matinada, The sounds of silence. A guerra fría dos dous bloques, e a quente do Vietnam. O Nodoinformando da tempada de pesca do salmón. Franco ese hombre. Os anos do “Hai que roelo”, cando o Pontevedra podíase gabar de zumbarlle tres goles a cero ao Real Madrid.  Da Carta de Ajuste. Das touradas do Cordobés. Os anos nos queBob Dylan aseguraba que “the times they are a changin”.
Tempos duros para os nosos vellos, sacrificios penurias, traballo e furar para diante para que nós poidésemos chegar a superalos como por norma xeral así foi. Para nós, foron os mellores anos da nosa vida. Eses anos dos que sempre quedou algunha “asignatura pendiente” á que nunca lle chegou o seu Setembro. Adiós linda Candy. As escuras anduriñas fóronse e non volveron. Easí de golpe, todos nos ausentamos de Marín. Como dixo Neruda, “Nosotros los de entonces, ya no somos los mismos”.Choveu. En España segundo nos enteramos máis tarde vivíase nunha longa noite de pedra aínda que nós non nos decatásemos do asunto. Cando comezou a albiscarse o abrente, o novo día trouxo ademais do tan esperado sol, moitos nubeiros cando a xente pensaba que xa non se precisarían máis paraugas. Hai ocasións nas que un se entera do que foi a súa vida, cando xa a viveu. Esa vida que segundo  decía Forrest Gump, é unha caixa de bombóns.     Gracia a todos por manter viva a nosa memoria.





No hay comentarios:

Publicar un comentario