miércoles, 24 de julio de 2024

MARÍN. OPINIÓN. BALANCE FESTAS DO CARME. LA OPINIÓN DE LA OPOSICIÓN. O BNG DENUNCIA "FALTA DE INNOVACIÓN E CALIDADE"

O BNG, nun comunicado que nos remite a sua portavoz, concelleira, Lucia Santos, critica a falta de novidades e a redución da duración das festas deste ano. Ademais, subliñan a importancia de ofrecer actividades accesibles e de calidade para toda a veciñanza e, instan ao goberno local a mellorar a planificación futura


"Os fogos de artificio que tradicionalmente son o broche de ouro das festas, recibiron críticas pola súa reducida duración e calidade, así como pola elección dunha nova ubicación que afectou negativamente a súa visibilidade"


"O Bloque Nacionalista Galego (BNG) expresa a súa preocupación polo resultado das pasadas Festas do Carme, cualificadas como “espectaculares” polo goberno local. Para o BNG, a programación das festas careceu de novidades significativas, mantendo un enfoque tradicional con orquestras e charangas sen introducir elementos innovadores que puidesen captar un maior interese. Ademais, a duración das festas reduciuse a cinco días, menos que en anos anteriores.

A instalación de atraccións de feira unha semana antes do comezo oficial das festas foi un intento de xerar un ambiente festivo que, segundo o BNG, non logrou cumprir coas expectativas da veciñanza. Boa parte das actividades foron organizadas por asociacións culturais, que o goberno municipal utiliza para rechear a programación, o que o BNG considera unha mostra de falta de planificación e investimento directo por parte do goberno local.

Outras cuestións que o BNG non pode pasar por alto son, por unha banda, a inclusión na programación da xura de bandeira e entrega de despachos na Escola Naval Militar o día 16, día do Carme, un acto que non é accesible ao público xeral. Pola outra, un ano máis, a alcaldesa e varios concelleiros e concelleiras asistiron a actos relixiosos en calidade de cargos públicos. O BNG entende que poden facelo a título persoal por crenzas ou interese cultural, pero nunca de forma institucional conforme ao carácter aconfesional da sociedade que recolle o ordenamento xurídico.

Os fogos de artificio que tradicionalmente son o broche de ouro das festas, recibiron críticas pola súa reducida duración e calidade, así como pola elección dunha nova ubicación que afectou negativamente a súa visibilidade. Este aspecto foi especialmente decepcionante para as persoas asistentes que esperaban un final máis impactante.

En definitiva, o BNG considera que o éxito das Festas do Carme non debería medirse unicamente pola afluencia de público, senón pola calidade e diversidade das actividades ofrecidas. As festas deste ano careceron de innovación e sufriron unha redución de duración, o que decepcionou a moitos veciños e veciñas. A inclusión de actos non accesibles ao público xeral e a participación institucional en eventos relixiosos subliñan a necesidade dunha planificación máis inclusiva e transparente. O BNG insta ao goberno local a revisar e mellorar a organización das futuras celebracións para garantir que reflictan mellor o espírito e as expectativas da comunidade." 

Bloque Nacionalista Galego.

Marín, 24 de Xullo do 2024.

No hay comentarios:

Publicar un comentario