![]() |
Antón Sobral (Marín, 1952) |
Pintor vocacional, sabe que a ollada do porvir se enxerga na liña do
horizonte, ese espazo impreciso entre as marxes, no que ceos e mares se
confunden, apenas matizadas pola presenza ou ausencia das xerfas de intensidade
branca. Ollada presente nas cento de mariñas que leva pintado dende hai catro
décadas, que conforman o corpus «Océano Sobral», cerna da mostra viguesa,
pezas das que nos confesamos admiradores devotos e seguidores entusiastas das
súas variacións de formato e cor, aínda que mantendo sempre tensa a liña do
horizonte. Océano que a xornalista Belén López nun extraordinario acróstico,
colofón da exposición, atribúe a condición de Sobral como "ladrón de azuis" e
«"de ceos e océanos". Pezas que funcionan como concentrados de
marusía, posuidoras de inequívocos efectos euforizantes provocados pola mestura
proteica de salitre e pedramol, que o pintor de Marín no seu estudio matiza
pola firmeza poética do trazo e a escolla emotiva da gama de cor. Cadros nos
que este pintor namorado do mar aposta unhas veces pola choiva, outras pola
brétema, sexa polo mar calmo ou impetuoso, unhas e outras veces procurando a
lectura do poema. Mariñas sen apenas referencias xeográficas, coa excepción de
dúas das Cíes e algunha da ría de Noia, onde non hai nostalxia nin dramatismo
por que as ardentías recenden o sabor salgado das gamas dos azuis. Pintura de
tenra fondura, a comuñón do ser humano co mar, o que o crítico Antón Castro
atribúe a súa admiración pola luz e os mares románticos de J.M. William Turner,
John Constable e Caspar Friedrich.
Xaora o tema esencial da pintura sobraliana é o tempo e a súa medida,
ciclos circadianos da natureza interminables que coma instantáneas representa
nos seus cadros, onde ceos e mares son sempre novidosos, sexa polo tránsito da
luz, o estoupido do trono ou a presenza próxima ou remota da treboada. Temática
meteorolóxica, que corresponde aos máis grandes paisaxistas, coma dun Turner
atlántico se tratase, que ofrecen as súas mariñas para ser escrutadas por
olladas náufragas e percepcións propias. Os óleos de Sobral son portos seguros
para ensoñacións activistas de entusiasmo compartido, quizais por levar dende o
berce o mar nos seus ollos e polo seu compromiso adulto de vivir en preamar como
o vixía dunha corrente oceánica na que se valoran as crebas e non se oculta,
como ten salientado o escritor Xaime Toxo, o esforzo de procurar os verdellos
da última marea.
Ademais do océano de mariñas e horizontes de formatos diversos, na que se
inclúen as máis recentes de exaltación policromática, un par de nús e o espazo "Silencio»" que se propón ao visitante olle sentado durante seis minutos,
destaca na retrospectiva a presentación do Caderno do mar (Deputación
de Pontevedra, 2014), páxinas dun libro de poemas de Xaime Toxo, ilustrados por
Antón, que a grande formato funcionan como murais dunha bitácora dun mariñeiro
sentimental, escrita pola carga mariñeira de palabras claves como areal, con,
esteiro, foz, buguina, brétema, entre outras. Como chama a atención o espazo
dedicado a lembrar a súa iniciativa artística en solidariedade cos obreiros de
Ascón, na que participaron os máis sonados artistas de entón, como Laxeiro ou
Colmeiro, no que amosa o seu carácter de artista activista galeguista
insubornable, que nunca desistiu. Benvida a Vigo esta nova mostra tan necesaria
e atractiva de Antón Sobral, o noso primeiro pintor de horizontes e esperanzas,
mestre da vida lenta, ser humano exemplar, obrigado referente ético da cultura
galega actual.
No hay comentarios:
Publicar un comentario