domingo, 3 de noviembre de 2024

MARÍN. A TALA DE TUIAS E OUTRAS ÁRBORES. "DESACOUGO NO LAGO DE CASTIÑEIRAS". POR GASPAR BERNÁRDEZ VILLEGAS. DOUTOR EN INVESTIGACIÓN AGRARIA E FORESTAL

Gaspar Bernárdez: "Ao parecer hai informes fitopatolóxicos que recomendaban esta corta, ¿onde están, que poñen? Dígannos que fungo é o que obriga a cortar as arbores, por favor..."


Amo o Lago de Castiñeiras e toda a súa contorna. Desde moi pequeno lembro subir algún domingo, cando o meu pai estaba en terra, e quedar fascinado coa visión daquelas grandes árbores que desde a Cruz de Maceira rodeaban a estrada ata chegar o Lago de Castiñeiras. As gaiolas cos cervos e os gamos (que hoxe non sería capaz de gozar con aquela mirada inocente), asar o churrasco ou comer unha empanada e gozar dun día máxico naquel fermoso lugar.
Co paso dos anos conservo a mesma paixón por ese lugar, e ao mesmo tempo aprendín que a historia forestal de Galiza, a nosa historia, agocha en Castiñeiras unha parte fundamental da súa razón de ser.
A comezos do século XX os montes costeiros de Galicia atopábanse deforestados, case por completo, xa que os sistemas de aproveitamento (pastoreo, rozas, estivadas...) e as necesidades de madeira e outros produtos recollidos no monte (esquilmes, leñas......) debuxaban unha paisaxe na que abundaban os terreos sen árbores, dedicados ao pastoreo, acompañado, en moitos casos, nas épocas nas que o gando non se atopaba no monte, polo aproveitamento da matogueira para cama para o gando e posterior esterco para as hortas e veigas.
No primeiro cuarto do século XX as políticas de reforestación levadas a cabo pola Deputación de Pontevedra, dirixida naquela época por Daniel de la Sota, asesorado polo enxeñeiro de montes Rafael Areses, levaron a comezar distintos traballos de plantacións forestais destinadas a cubrir de árbores os desérticos montes do Morrazo, plantando na maior parte dos casos piñeiros do país (Pinus pinaster), no marco dun proxecto que eles mesmos denominaron “La Reforestación de Pontevedra”. Os primeiros piñeiros foron plantados en Cotorredondo o 3 de xaneiro de 1927, na primeira fase deste gran proxecto que pretendía reforestar os despoboados montes da provincia. Na segunda fase, e coa finalidade de levar as plantas desde o viveiro de Figueirido ata os montes de Domaio, construíuse a estrada que deu lugar á creación do Lago de Castiñeiras. Trátase, por tanto, dun lago artificial creado a comezos da década dos anos 50 do século pasado.
Na actualidade o parque que o rodea alberga un amplo elenco de especies forestais dos máis afastados confíns do mundo. A maior parte destas plantas chegaron desde o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán (Pontevedra) e do Viveiro Central de Areas (Tui) e serviron para estudar o crecemento destas especies nos montes galegos. Moitas destas árbores transformáronse en exemplares únicos na xeografía galaica e fan do conxunto un lugar de obrigada visita para os turistas amantes da natureza que se achegan a Pontevedra e ás praias das Rías Baixas, así como unha referencia para as persoas que coñecen este emblemático enclave.
O conxunto complétase con unha excelente colección de árbores que nalgúns casos están próximos a un século de existencia. Destacan os piñeiros, con seis especies diferentes (Pinus pinaster, P. radiata, P. strobus, P. sylvestris, P. pinea e P. patula), os cedros (Cedrus deodara e C. atlantica), os cipreses (Cupressus lusitanica e C. macrocarpa), os falsos cipreses (Chamaecyparis lawsoniana, Ch. Pisifera ´Squarrosa´ e Ch. pisifera ´Plumosa´), as tuias (Thuja plicata), os cipreses calvos (Taxodium distichum), as tsugas do Canadá (Tsuga canadensis) ou os alerces (Larix x marchlinsii) entre outras especies.
Desde que rematou a ditadura do réxime ata fai aproximadamente 10 anos o espazo, que pertence a catro comunidades de montes, foi xestionado pola Xunta de Galicia, ata que unha vez rematado o convenio, a xestión volveu a mans dos seus propietarios, as comunidades de montes. Neste tempo téñense acometido distintas iniciativas para a posta en valor e a protección deste singular espazo. 

Grupo de visitantes admirando un Ciprés de Monterrei talado. Foto GBV

Deste xeito, algunhas iniciativas tiveron éxito ou leváronse a cabo, como a construción de novos asadoiros ou a instalación de parques infantís, mentres que outras non chegaron a materializarse, como a creación dun xardín botánico e arboreto, a declaración de ENIL (Espazo Natural de Interese Local), ou a inclusión de algunhas árbores no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras. É triste que todas as que fracasaron foran as destinadas a conservar e aumentar o valor natural do espazo, sen embargo parecía ter unha connotación positiva, tódolos actores implicados (comunidades de montes e concello) parecían recoñecer o valor natural deste espazo, e incluso apostar por el.
Lamentablemente este conto parece non ter final feliz, desde a devolución por parte da Xunta de Galicia dos terreos asistimos con tristeza a unha agresión detrás de outra. Os piñeiros que Areses e de la Sota plantaron en 1927, os primeiros do proxecto de reforestación de Pontevedra, eses cuxas copas de tocaban coas mans desde os pisos máis altos do Miradoiro de Cotorredondo, foron cortados despois da devolución por parte da Xunta. É verdade que estes exemplares non se atopaban na Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Xulián, pero que hai dos grandes cipreses de Monterrei que estaban entre a entrada do antigo centro de recuperación de Fauna e os baños públicos, de máis de un metro de diámetro (os tocos aínda permanecen alí para miralos)??, tamén foron cortados nos últimos anos, ao igual que os grandes Chamaecyparis pisifera ´Squarrosa´ a carón da fonte de pedra, quizais os máis grandes de Galiza da súa especie, ou o rodal (bosquete) de roble americano na entrada do lago, árbores plantados a mediados do pasado século.... é unha conta que non parece ter final.
En xullo do pasado verán, paseando por Castiñeiras decateime que enriba do parque infantil había TRES piñeiros secos, polo que dei aviso para que os foran cortar. Porque si, amo as árbores, pero despois de moitos anos como consultor en arboricultura entendo cando o risco para as persoas non é asumible e unha árbore debe ser cortada. A miña sorpresa foi cando unha semana despois volvín ao lugar para admirar como 18 piñeiros foran cortados, aínda agora non alcanzo a entender...18, é incrible!. A todo isto, están tan pendentes da seguridade das persoas que tres piñeiros de máis de 20 metros de altura, mortos sobre o parque infantil non chamaron a súa atención. Non eran piñeiros calquera, trátase do piñeiro de Lord Weymouth ou Piñeiro prateado do Canadá (Pinus strobus), que procedían do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán e foran plantados na década dos anos 50 do pasado século. E si, eran os exemplares de maiores dimensións e idade de Galiza, ata o punto que fai poucos anos foran propostos para o Catálogo Galego de Árbores Senlleiras. Agora asistimos atónitos á nova agresión arbórea que está a ter lugar. A aliñación de tuias de Areses, esa pantalla de árbores que desde fai máis de 60 anos medraba sen problemas, e sobre todo sen dar problemas fronte a casa do antigo garda está a ser cortada. Nesa aliñación había exemplares da talla da Tuia do Pazo de Torres de Agrelo (Redondela), incluída no catálogo galego, ou o exemplar diante da Casa Forestal do Monte Aloia (Tui), exemplar que tamén plantou Areses. 
Dentro da casa do antigo garda xunto a un tulipeiro de Virxinia xigantesco había outro exemplar moi moi destacado, tratábase dunha cuningamia (Cunninghamia lanceolata), con máis dun metro de diámetro, e sen dúbidas entre os exemplares máis notables de Galiza, hoxe en toradas, nun montón de cadáveres históricos na estrada que vai a Cadro.
Non chego a entender como unha comunidade de montes que xestiona máis de 300 hectáreas precisa cortar árbores históricas nun parque periurbano, nun lugar histórico, por todo o relatado e por todas e cada unha das vivencias e recordos que todas e todos os que visitamos o lago conservamos no noso interior.
Ao parecer hai informes fitopatolóxicos que recomendaban esta corta, onde están?? Que poñen? Díganos que fungo é o que obriga a cortar as arbores, por favor. E sobre todo, os piñeiros cortados en xullo, os cipreses ou os Chamaecyparis fronte o Centro de Recuperación de Fauna, todas as árbores cortadas nestes últimos anos na contorna do Lago de Castiñeiras tamén estaban enfermos? difícil de crer.
 J
. Gaspar Bernárdez Villegas 
Amante das árbores, veciño de Marín, Doutor en Investigación Agraria e Forestal

No hay comentarios:

Publicar un comentario