HABEMUS AUDITORIUM
Debo confesar que o título deste artigo estivo a piques de poñer en perigo a miña forzosa carreira como comunicador local. E é que, cando advertín que Ángel García Carragal xa empregara antes ca min a expresión HABEMUS AUDITORIUM, poucas alternativas quedaban para coroar esta publicación sobre a apertura do tan reclamado Auditorio Municipal de Marín. Aínda así, sendo completamente sincero, o título que realmente me rondaba pola cabeza era outro bastante máis perigoso: PAN E CIRCO. Finalmente decidín non empregalo, non tanto por falta de ganas, senón por non converter unha xornada que debería ser de celebración nun artigo excesivamente combativo incluso para min. Ao final vai resultar que Carragal e máis eu temos máis cousas en común das que pensaba: os dous somos de Marín, comunicadores, baixiños… e polo visto tamén compartimos certa tendencia á ironía. Polo tanto, HABEMUS AUDITORIUM TANDEM.
Sexa como for, hoxe é un día importante para a vila. E tamén un día alegre. Porque máis alá de cores políticas, filias ou fobias persoais, hai algo innegable: despois de décadas de espera, Marín conta por fin cun auditorio municipal. E iso, por si só, xa merece unha celebración.
Agora ben, tampouco imos descubrir a pólvora. As obras públicas xa se sabe como funcionan: coñécese a data de inicio, pero nunca a do final. E neste caso o proceso foi longo, custoso e, por momentos, ata esperpéntico. Que se a ubicación non convence a todo o mundo, que se o edificio parece unha nave futurista, que se o famoso alerón acabou converténdose nun símbolo do sobrecusto millonario da obra… Nada novo neste Marín no que nunca chove a gusto de todos.
Pero unha vez abertas as portas, quizais o importante sexa outra cousa: que se vai facer agora con este espazo.
Porque o Auditorio non debería limitarse a ser un simple escaparate para espectáculos de paso, concertos itinerantes ou grandes inauguracións con moita foto e moito titular. O verdadeiro reto será convertelo nun espazo vivo, útil e participado; unha casa común para as artes escénicas, a música, o cinema, as asociacións culturais e toda esa xente que leva anos traballando en Marín case sempre a contracorrente.
E aquí é onde entramos moitos dos que levamos tempo intentando mover cultura nesta vila. Porque, guste máis ou menos, Marín ten talento. Hai músicos, técnicos, actores, creadoras, fotógrafos, cineastas e colectivos culturais con capacidade máis que demostrada para alimentar parte desa programación. Non todos os concellos teñen a sorte de contar cun tecido creativo disposto a implicarse, propoñer e traballar. Por iso precisamente resulta incomprensible que, en
ocasións, o propio goberno local dea a sensación de mirar con certa sobradez ás asociacións e proxectos que levamos anos poñendo iniciativas enriba da mesa con máis ilusión ca recursos.
Agardemos que iso cambie. Porque sería un erro enorme converter o Auditorio nun barco á deriva, deses que brillan moito o día da inauguración pero que acaban saqueados polo desinterese, a falta de programación ou a ausencia dun proxecto cultural sólido. Galicia está chea de exemplos así. Infraestruturas enormes, flamantes, inauguradas entre foguetes e discursos, que aos poucos rematan convertidas en edificios mortos.
Para moita xente o Auditorio seguirá sendo un despilfarro innecesario. Para outra moita, unha infraestrutura imprescindible. Para nós —artistas, técnicos e persoas vinculadas á cultura— representa algo máis simple: un lugar onde poder traballar dignamente. Un teatro dos soños, si, pero tamén un punto de encontro para a creación local.
Dani Antelo
Director da Mostra do Audiovisual e Cinema de Marín.
No hay comentarios:
Publicar un comentario