Hai cuestións que, lonxe de
seren anecdóticas, expresan conflitos estruturais e decisións de país. En Marín,
o illamento físico e simbólico da súa ría constitúe un exemplo paradigmático
dunha planificación territorial desequilibrada e anacrónica, que mantén vedado
un ben común esencial á cidadanía. A reconquista do bordo litoral, hoxe ocupado
de forma sobredimensionada por instalacións militares e portuarias, non é unha
demanda estética nin folclórica, é unha cuestión de dereitos, de xustiza
territorial e de proxecto de futuro.
Durante décadas, a
configuración do espazo urbano en Marín estivo determinada por unha lóxica de control,
de ocupación estratéxica e de beneficio unilateral. Pero esa lóxica esgotouse.
O urbanismo moderno, os principios de desenvolvemento sostible e a propia lexislación
estatal e autonómica - nomeadamente a Lei 2/2016 do solo de Galicia e a Lei
22/1988 de costas - instan a poñer os espazos costeiros ao servizo do interese
xeral, priorizando os usos públicos, sociais, culturais e ambientais. Non é un
capricho, é unha obriga legal e política.
A apertura de Marín ao mar
suporía unha operación de reequilibrio territorial e de democratización do espazo
público. Falar de cesión gratuíta por parte da Autoridade Portuaria ou do
Ministerio de Defensa non é unha utopía, é unha acción perfectamente viable e
documentada por precedentes como os de Ferrol. Pero require vontade política firme
e aliñamento institucional.
Os beneficios da apertura litoral non son só
urbanísticos ou ambientais. Son tamén económicos. A recuperación do bordo
marítimo permitiría artellar un novo modelo de desenvolvemento baseado no turismo
sostible, o comercio local e a creación de emprego vinculado ao lecer, á
cultura e á restauración. É sabido que a posta en valor
de espazos costeiros mellora a calidade de vida, incrementa o atractivo turístico
e dinamiza o pequeno comercio de proximidade. En Marín, onde o tecido comercial
sofre a competencia das grandes superficies e a perda de centralidade, a apertura
ao mar podería representar unha auténtica palanca de reactivación económica.
A actividade portuaria non
desaparecería nin debe facelo. Pero cómpre reequilibrar os usos e redimensionar
espazos que, a día de hoxe, non cumpren funcións efectivas. Hai terreos
infrautilizados, zonas sen acceso nin funcións definidas e naves con concesións
prescindibles. Transformar estes espazos en parques urbanos, sendas peonís,
instalacións deportivas ou centros culturais non só é razoable, senón urxente.
É, en definitiva, unha expresión práctica dun modelo de vila que aposta pola
cohesión social, a sustentabilidade e a memoria.
Porque o mar en Marín é
identidade, é historia colectiva, é futuro. Non abrilo á cidadanía é negar esa identidade.
E negala é perpetuar unha inxustiza que nos empobrece a todos. É hora de
transformarmos valos en camiños. De facermos do litoral unha porta aberta.
Marín merece vivir coa súa ría, non de costas a ela. Por dereito, por dignidade.
Por Lucía Santos Omil
Concelleira-Portavoz do Grupo Municipal do BNG