domingo, 8 de junio de 2025

MARÍN. DEBATE SOBRE ABRIR MARIN O MAR. MARÍN PRECISA ABRIRSE ´Á TERRA... PARA PODER VOLVER MIRAR AO MAR'. POR JOSÉ SOUTO PIÑEIRO

"Marín foi sempre vila mariñeira. Pero hoxe vive de costas ao mar… e tamén de costas á terra" 


Dende esta realidade, quero compartir unha preocupación que moitos calamos pero que afecta ao futuro de toda a vila e pensó que é Unha solución a moitos dos problemas do concello: Marín leva anos encerrada no seu porto, esquecendo que tamén existe un tecido empresarial máis alá do perímetro portuario, que loita por sobrevivir sen espazo, sen apoio e sen horizonte.
A actividade do porto é, sen dúbida, vital. Pero non pode ser a única aposta económica dunha vila que aspira a medrar. As pequenas e medianas empresas que operamos fóra do porto sufrimos a falta absoluta de solo industrial, a ausencia dunha planificación clara e, porque non dicilo, unha certa inercia institucional que nos ignora. Marín, a día de hoxe, non ofrece lugar para que novos proxectos se instalen nin para que os actuais poidan medrar legalmente.
Mentres tanto, o discurso oficial continúa orbitando arredor do porto e da escola coma se toda a riqueza presente e futura da vila pasase exclusivamente por el.   Pero sen tecido económico complementario, sen empresas que xeren emprego e valor engadido, sen industria limpa ou servizos innovadores, non hai crecemento real posible. Hai estancamento. Ou, peor, abandono.
Quizás esa é a estratexia para seguir no gobernó, pero non e futuro para Marín con concello.
É urxente habilitar novos espazos industriais —polígonos, portos secos ou zonas empresariais seguras e legais— e poñer en marcha unha estratexia municipal que integre tamén ás empresas de fóra do porto. O futuro de Marín non está só nas grúas, está tamén nos talleres, nas oficinas, nos proxectos pequenos que xeran emprego local e pagan impostos aquí.
E cando falamos de abrir Marín ao mar, deberiamos facelo en serio. Hoxe, o porto e a Escola Naval forman unha barreira de máis de tres kilómetros que impide mesmo ver o mar desde boa parte da vila. Noutras cidades estanse recuperando espazos militares e portuarios para o uso cidadán. Por que aquí non?
Non se trata de eliminar nada, senón de compartir. De humanizar. De facer que o mar volva ser parte da vida diaria da veciñanza. Paseos, zonas verdes, actividades culturais ou económicas poderían coexistir cos usos actuais se houbese vontade política e visión de futuro.
Marín foi sempre vila mariñeira. Pero hoxe vive de costas ao mar… e tamén de costas á terra. Se queremos garantir un futuro para a nosa mocidade, debemos abrir todos os camiños: os do mar, si, pero tamén os do solo industrial, do emprego digno e da aposta polo talento local.
Hai que abrir Marín pero hai que abrila toda.






Por José Souto Piñeiro
Empresario con PEME afincada en Marín

No hay comentarios:

Publicar un comentario