Durante décadas, a
configuración do espazo urbano en Marín estivo determinada por unha lóxica de control,
de ocupación estratéxica e de beneficio unilateral. Pero esa lóxica esgotouse.
O urbanismo moderno, os principios de desenvolvemento sostible e a propia lexislación
estatal e autonómica - nomeadamente a Lei 2/2016 do solo de Galicia e a Lei
22/1988 de costas - instan a poñer os espazos costeiros ao servizo do interese
xeral, priorizando os usos públicos, sociais, culturais e ambientais. Non é un
capricho, é unha obriga legal e política.
A apertura de Marín ao mar suporía unha operación de reequilibrio territorial e de democratización do espazo público. Falar de cesión gratuíta por parte da Autoridade Portuaria ou do Ministerio de Defensa non é unha utopía, é unha acción perfectamente viable e documentada por precedentes como os de Ferrol. Pero require vontade política firme e aliñamento institucional.
Os beneficios da apertura litoral non son só urbanísticos ou ambientais. Son tamén económicos. A recuperación do bordo marítimo permitiría artellar un novo modelo de desenvolvemento baseado no turismo sostible, o comercio local e a creación de emprego vinculado ao lecer, á cultura e á restauración. É sabido que a posta en valor de espazos costeiros mellora a calidade de vida, incrementa o atractivo turístico e dinamiza o pequeno comercio de proximidade. En Marín, onde o tecido comercial sofre a competencia das grandes superficies e a perda de centralidade, a apertura ao mar podería representar unha auténtica palanca de reactivación económica.
A actividade portuaria non
desaparecería nin debe facelo. Pero cómpre reequilibrar os usos e redimensionar
espazos que, a día de hoxe, non cumpren funcións efectivas. Hai terreos
infrautilizados, zonas sen acceso nin funcións definidas e naves con concesións
prescindibles. Transformar estes espazos en parques urbanos, sendas peonís,
instalacións deportivas ou centros culturais non só é razoable, senón urxente.
É, en definitiva, unha expresión práctica dun modelo de vila que aposta pola
cohesión social, a sustentabilidade e a memoria.
Porque o mar en Marín é identidade, é historia colectiva, é futuro. Non abrilo á cidadanía é negar esa identidade. E negala é perpetuar unha inxustiza que nos empobrece a todos. É hora de transformarmos valos en camiños. De facermos do litoral unha porta aberta. Marín merece vivir coa súa ría, non de costas a ela. Por dereito, por dignidade.
Por Lucía Santos Omil
No hay comentarios:
Publicar un comentario