lunes, 16 de junio de 2025

MARÍN. DEBATE. EL BNG SOSTÉN E MANTÉN A SÚA REIVINDICACIÓN DE 'ABRIR MARÍN AO MAR'

Explicación remitida polo Grupo Municipal del BNG e suscrita por a súa portavoz, Lucía Santos, en relaciòn  co“rexeitamento da súa moción sobre Abrir Marín ao Mar”, debatida no Pleno Municipal, celebrado o pasado día 12.

“Seguiremos traballando para que a devolución de espazos para o pobo de Marín sexa unha realidade"

Grupo Municipal do BNG

"O BNG mantén o seu compromiso firme con Marín e coa apertura ao mar, despois de que o pleno municipal rexeitase a moción Abrir Marín ao mar, impulsada pola formación nacionalista. A proposta foi tombada polos votos en contra do PP e a abstención do PSOE, impedindo así que a corporación expresase o seu apoio institucional á recuperación de espazos do litoral para uso público.
A moción, con aval técnico e legal, estaba aliñada coa Axenda Urbana Española, os fondos europeos Next Generation e o Plan de Mobilidade Urbana Sostible do propio Concello. Exemplos como A Coruña, Ferrol ou Vilagarcía demostran que, con vontade política, é posible avanzar na recuperación de espazos públicos. “Abrir Marín ao mar non é un lema electoral, é unha proposta realista e urxente”, defendeu a portavoz do BNG, Lucía Santos. “Trátase de recuperar o acceso ao litoral, mellorar a calidade de vida e reforzar a identidade de Marín como vila costeira.”
A formación reprocha que o PP rexeitase a iniciativa recorrendo a un argumento simplista sobre os postos de traballo, malia que a proposta non afectaba nin ao emprego nin á operatividade do porto. Subliñan que se refería unicamente a espazos sen uso ou xa utilizados pola veciñanza mediante convenios temporais. Alén diso, consideran incoherente que o PP faga referencia á Axenda Urbana como escudo cando esta recoñece o peche ao mar como un dos principais retos da vila, e ao mesmo tempo propoña medidas simbólicas como visitas puntuais á Escola Naval Militar para “paliar o descoñecemento”. 

Lucía Santos afirma que "á luz da votación da moción, na que o PP votou en contra e o PSOE abstívose, queda claro que só cun goberno do BNG o Concello de Marín apostará decididamente por abrir Marín ao mar "

Para o BNG, estas medidas, ademais de ridículas, confirman o problema: “se a cidadanía descoñece o seu litoral, é porque existe un peche físico e simbólico que impide unha relación directa co mar” sinalou Santos. Todo isto evidencia unha prioridade clara do Goberno Local do PP, defender os intereses da Autoridade Portuaria e da Escola Naval Militar por riba das necesidades e dereitos da veciñanza.
“O BNG non se detén aquí. Seguiremos traballando para que a devolución de espazos para o pobo de Marín sexa unha realidade. Esta proposta non vai quedar nun soño: é un proxecto de vila, de futuro e de xustiza social. Levamos anos escoitando abride a fiestra, que quero ver o mar… e ímola abrir, con traballo, con rigor e con convicción”, asegurou a portavoz municipal, Lucía Santos.
O BNG lamenta que unha moción centrada na recuperación, integración e apertura progresiva da fronte marítima urbana non contase co respaldo unánime da Corporación. A proposta, que instaba a declarar esta actuación como prioridade estratéxica municipal e a impulsar un proceso participativo aberto coa veciñanza e os diferentes axentes sociais, ofrecía unha oportunidade real para avanzar cara a un modelo de vila máis sostíbel, inclusiva e conectada co seu entorno natural."
 
.

No hay comentarios:

Publicar un comentario