miércoles, 26 de mayo de 2021

MARÍN. DOUS ANOS DESPOIS DO 26M/2019. O BNG ANALIZA A XESTIÓN DO GOBERNO MUNICIPAL (PP)

"O PXOM continúa gardado nun caixón, sen executar, sen abrir novas rúas, construcción de novas vivendas ou dar solución xurídica a empresas que se ven na obriga de ter que buscar ubicación fóra do noso concello"

Cúmprense 10 anos desde que o PP de María Ramallo chegou ao goberno municipal. Desde o BNG de Marín consideramos que estamos ante unha década perdida, unha década de decadencia para o noso concello, polo que o balance non pode ser máis negativo. Mais non o di o BNG. Hai un dato que fala ás claras e é que Marín perdeu nestes 10 anos 1.755 habitantes (-6,75%), presentando os peores datos demográficos de todos os concellos galegos de máis de 20.000 habitantes, só superado por Ferrol. A nota negativa ao goberno popular non a pon o BNG, pona a crúa realidade da evolución demográfica.
Cando un concello como o noso, que presentaba unha taxa de crecemento até 2010, e nun contexto xeográfico onde os concellos veciños gañan poboación, lidera as estatísticas negativas de evolución demográfica de Galiza, é porque hai moitas cousasque se están a facer moi mal. A realidade pon de manifesto a ausencia de proxecto do goberno do PP, un goberno que está a levar ao noso concello ao abismo. O PP de María Ramallo ven amosando unha total incapacidade para afrontar os problemas de Marín e é responsábel do negativo xiro demográfico.
O PXOM, aprobado en 2012, continúa gardado nun caixón, sen executar, sen abrir novas rúas, construcción de novas vivendas ou dar solución xurídica a empresas que se ven na obriga de ter que buscar ubicación fóra do noso concello. O casco antigo da vila amosa unha estampa decadente con múltiples edificacións históricas en estado de abandono sen que o goberno municipal faga nada pola súa rehabilitación e posta en valor. Un goberno sen proxecto para implementar un plan de mobilidade urbana, actuando a base de improvisacións e ocorrencias. Un bo exemplo disto témolo na eliminación de numerosísimas prazas de aparcamento no casco urbano sen antes planificar alternativas, tendo que ir logo ás presas tratando de buscar solucións para un problema creado pola falta de planificación.
Actualmente hai dous proxectos en marcha no centro da vila que voltan poñer de manifesto a absoluta incompetencia deste goberno para detectar as necesidades do noso concello. Na avenida de Ourense estase a rematar unhas obras que van deixar o paseo sen moitas variacións en relación ao estado anterior, engadindo un pequeno tramo de carril-bici sen continuidade. E no Paseo Alcalde Blanco estase a refacer o paseo, mais continúase sen resolver a maior necesidade desta zona, como é a conexión do paseo coa Alameda. Outra das carencias amosadas polo goberno do PP, e que se fixo especialmente visíbel neste ano de pandemia, é a falta de políticas de benestar social. 
O goberno de María Ramallo entende os servizos sociais como simple caridade e non como unha ferramenta que axude á veciñanza en situacións complicadas a acadar unha mellor calidade de vida. O comercio languidece sen que haxa unha actuación seria de cara a axudar dun xeito efectivo ao pequeno comercio, e mentres tanto o casco urbano de Marín vai sumando locais valeiros nas nosas rúas.
A política dirixida á mocidade é outro exemplo da política de bandazos do PP. En xuño de 2018, o PP rexeitou unha moción do BNG para a creación dunha Casa da Xuventude, e agora presentan un proxecto para realizar un Centro do Ocio Xuvenil no local do antigo Casino.
Malia contar cunha concellaría de normalización lingüística, agardamos para ver a
primeira iniciatica de fomento e promoción da lingua galega, e a creación do Servizo de Normalización Lingüística, aprobado no Pleno a proposta do BNG, e que ven recollido na Ordenanza de Normalización Lingüística do Concello, segue agardando.
Marín é un concello cun enorme potencial turístico, tanto pola súa ubicación xeográfica como por toda a riqueza paisaxística e cultural. Malia aprobarse, a iniciativa do BNG, un Plan de protección do patrimonio arqueolóxico, os restos arqueolóxicos permanecen totalmente abandonados, o espazo natural do Parque de Castiñeiras segue sen ser posto en valor e continuamos á espera da ansiada declaración como Espazo Natural de Interese Local.
Dende o BNG continuaremos traballando parar gañar a confianza da veciñanza en 2023. Cremos en Marín e no seu gran potencial e aspiramos a ter a oportunidade de demostralo e facer que Marín retome a senda da prosperidade e recupere o pulso, apostando por un proxecto ambicioso de concello vivo, dinámico, consciente do seu potencial e orgulloso da súa identidade. No BNG temos exemplos dabondo de boas xestións que propiciaron transformacións que melloraron a calidade de vida da veciñanza e son marca de identidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario