Como voceiro do grupo socialista creo que estes dous anos serviron para damosar que somos un equipo sólido e cohesionado, cunha gran capacidade de traballo e de realizar propostas en beneficio de Marín. Unha oposición construtiva e de formas impecables, pero ao mesmo tempo rigorosa e esixente co goberno local e con nós mesmos.
Levamos nestes dous anos multitude de propostas ao pleno da corporación para achegar solucións aos problemas reais que ten Marín e que supoñen o principal reto que temos por diante.
Marín está nunha situación moi delicada e que se vai agravando co paso dos anos. Somos o caso de perda de poboación máis grave de Galicia para municipios de máis de 20.000 habitantes, seguimos pechando negocios a maior ritmo que o resto de concellos, seguimos sen abordar a problemática da falta de chan para que poidan permanecer ou instalarse empresas que xeren emprego en Marín, seguimos sen desenvolver o noso plan de urbanismo…
O goberno de María Ramallo destes temas non quere falar porque non ten solucións para eles, e tampouco acepta as que se lle propoñen dende a oposición. Ademais coa súa actitude de negar a evidencia o que fan é agravar os nosos problemas. Cada ano que pasa con este goberno á fronte os problemas de Marín vanse agudizando e cada vez será máis difícil porlles remedio.
Pola contra, vemos que as políticas do goberno municipal céntranse exclusivamente naquelas obras que lles poden supor réditos electorais como pode ser o auditorio ou a reforma do paseo marítimo, pero iso non solucionará os nosos problemas reais.
A ausencia dunha estratexia de futuro para Marín e os síntomas do esgotamento do goberno local xa son evidentes para todo o mundo. María Ramallo perdeulle definitivamente o pulso a Marín e, ao negar a realidade dos problemas de Marín, convertéronse no principal escollo para poder solucionalos. Marín non pode quedar atrás e debe saír desta parálise. As reformas que precisamos xa son urxentes e inaprazables.
No hay comentarios:
Publicar un comentario