viernes, 18 de septiembre de 2020

MARIN. OPINIÓN. A ZONA AZUL NON E SOLUCIÓN. POR PEDRO M. CORTEGOSO GAGO


Recentemente foi aprobada a ordenanza municipal denominada Zona Azul para regular o aparcamento en determinadas rúas de Marín. Esta iniciativa do PSOE local, que no último momento tentou desvincularse dela, foi acollida con entusiasmo polo grupo municipal do PP. Con este regulamento preténdese, teoricamente, “mellorar a fluidez dos estacionamentos e facilitar a dispoñibilidade de prazas durante a xornada” e, por se isto non fose abondo, tamén “dinamizar o comercio local”.

Non existen estudos que avalen a Zona Azul en Marín, nin dos seus efectos no tráfico, nin das posíbeis vantaxes para o comercio local. Estamos polo tanto ante unha nova improvisación do PP local que cando ten un problema sácase algo da chistera para tentar calmar os ánimos. Como fixeron cos aparcamentos disuasorios, que os foron colocando ao chou sen ningún tipo de planificación, ou a colocación de lombos nalgunhas rúas despois de producirse accidentes de tráfico con mortos ou feridos.

O primeiro que temos que deixar claro é que a Zona Azul, a ORA e outros sistemas similares sempre acabaron fracasando alí onde se implantaron e non solucionaron os problemas de aparcamento e de tráfico, e non supuxeron unha mellora da habitabilidade desas zonas urbanas. Isto acontece por que se pretende actuar sobre unha consecuencia, e non sobre o problema. Un modelo onde prima o vehículo sobre os peóns ten como resultado que as rúas se enchan de coches dando voltas e buscando onde aparcar, incrementando a contaminación, o gasto de enerxía e a saturación das rúas. O problema é a carencia dun modelo urbano, dun proxecto de cidade, onde se poña por diante a calidade de vida das persoas, onde os espazos teñan como prioridade o uso e desfrute dos seus habitantes.

Nun momento en que todo o mundo presume de querer moito o medio ambiente, o noso concello non é unha excepción, unha das consecuencias da Zona Azul vai ser o incremento do movemento de coches, do chamado tráfico de axitación, buscando desesperadamente onde aparcar. Cada dúas horas teremos que mover o vehículo para buscar outro sitio onde deixalo, aumentando os niveis de contaminación e saturando as estradas.

En Marín, como no resto de Galiza, carecemos de conexión entre os núcleos urbanos e as parroquias. Non existe un transporte público que nós comunique, o que acrecenta o situación de saturación de coches o centro urbano. Isto non é casual, desde a administración autonómica foise deixando en mans de unhas poucas empresas o transporte público por estrada, empresas que foron eliminando liñas para reducir custos. Incidindo así no deterioro das condicións de vida no rural e sendo un dos elementos que contribúe ao seu abandono.

Outro dos argumentos para implantar a Zona Azul é o de dinamizar o comercio local, un novo brinde ao sol para xustificar esta iniciativa. Hoxe o principal inimigo do comercio local non está nas rúas, está en internet e na competencia dos grandes monstros da venda online. Polo tanto non ten moita credibilidade que se vaia dinamizar o comercio só por poder aparcar dúas horas. E se esta é a solución, como pensan dinamizar o comercio local en Seixo, implantando tamén a Zona Azul?

O exemplo de como se fan as cousas para mellorar e promover o comercio de proximidade témolo en Pontevedra, onde camiñar e ir de compras é cómodo e accesíbel. E todo isto acompañado dunha gran variedade de actividades, eventos culturais e deportivos que teñen un claro efecto chamada.

Hai que facilitar o acceso ao comercio, pero isto acadase mellorando o entorno, as rúas, permitindo que os peóns poidan camiñar sen obstáculos e sen ter que estar pendentes de non ser atropelados.

Algunhas propostas para mellorar Marín

Fagamos unhas rúas para as persoas, transitábeis e fermosas, onde se poida andar e xogar sen medo aos accidentes. Potenciemos o espazo público para uso das persoas. Promovamos unha axenda de actividades culturais, deportivas e de lecer que faga atractivo o noso pobo. Apostemos polos desprazamentos a pe e polo uso da bicicleta, para gañar en saúde e mellorar o medio ambiente Estudemos a implantación dun servizo de transporte público que comunique as vilas, Marín e Seixo, cos núcleos rurais Un estudo integral do tráfico e das necesidades de estacionamento en Marín para buscar as localizacións máis acaidas para aparcamentos disuasorios. 

En definitiva, os nosos gobernantes teñen que ter valentía e tomar decisións políticas. Teñen que facer unha proposta global para solucionar os problemas que ten Marín, para pórlle freo á decadencia poboacional, para mellorar a nosa calidade de vida. O problema é que despois de tantos anos de maioría absoluta e sen ningún impedimento para facer e desfacer, o goberno municipal do PP non ten un modelo de cidade, non ten un modelo global para implantar en Marín. Só hai improvisacións e actuacións puntuais cando o malestar social é evidente.



No hay comentarios:

Publicar un comentario