miércoles, 23 de septiembre de 2020

MARÍN. ÚLTIMA HORA. DECLARACIÓNS DO CONCELLO DE MARIN EN RELACIÓN Á SITUACIÓN DENUNCIADA POLA VECIÑANZA DO CANTODAREA


O Concello de Marín fai público un comunicado (remitido aos medidos de comunicación) relacionado coas queixas dos veciños de Cantodarea sobre a presencia de 'okupas' en tres edificacións abandonadas

O Concello de Marín maniféstase “coñecedor da situación que se está a dar na rúa Cruceiros, en Cantodarea” e que foi exposta publicamente estes últimos dous días pola veciñanza. “Trátase dunha situación que xa leva un tempo sucedéndose e á que lle facemos seguemento”, aseguran fontes municipais.

Tamén son coñecedores dos detalles desta situación tanto a Policía Nacional como a Policía Local. Estes primeiros, que son o corpo de seguridade con competencia directa, teñen a súa propia operativa relativa a esta zona e a Policía Local tramitou varios informes despois de atender a queixas da veciñanza.

Aínda que esta situación non é nova, si que consta recentemente unha denuncia oficial dun propietario respecto do seu inmoble. En todo caso, trátase de vivendas que se atopan nunha situación de abandono e que non cumpren cos mínimos requisitos de habitabilidade.

“Entendemos perfectamente a tensión que isto, unido a outras problemáticas derivadas da presenza destas persoas, xera entre a veciñanza”, aseguran desde o Concello. Polo tanto, o Goberno local asegura que a súa actuación é “contundente” pero que a tramitación deste tipo de casos é “longa e complexa”.

Xa desde hai un tempo, o Concello traballa na localización dos propietarios dos outros inmobles para instalos a que denuncien e que así, tal e como acontece no caso denunciado, que sexan as autoridades xudiciais as que interveñan e inicien o proceso correspondente. “Seguiremos actuando na medida que nolo permitan as nosas competencias”, asegura o Concello.

Asemade, o Concello pedirá un incremento do controis e da vixilancia para tratar de garantir a tranquilidade da veciñanza, solicitándolle á Policía Nacional a súa presencia nesta zona, e estudaranse outro tipo de medidas. Neste senso, o Concello continuará a  tramitar unha inspección integral de toda a zona a nivel urbanístico para abrir o expediente correspondente a aqueles propietarios que teñan as súas propiedades abandonadas e frear así a degradación nas edificacións desta área.

No hay comentarios:

Publicar un comentario