"Seica hai outro proxecto en marcha que vai afectar aos concellos de Marín e Bueu"
Fai uns días soubemos polos medios de comunicación que o parque eólico de Pedras Negras, proxectado no Morrazo, non se ia facer por desistir no seu empeño a empresa de capital italiano Enel Green Power España. Lamentábel que tiveramos que saber isto pola prensa despois de estar esperando anos pola contestación da Xunta ás alegacións presentadas contra o proxecto.
Porén, a alegría desta nova durou pouco e seica hai outro proxecto en marcha que vai afectar aos concellos de Marín e Bueu. Parece ser que detrás está a empresa ACS, “falando” con varias comunidades de montes da zona, coa pretensión de colocar catro enormes aeroxeradores en Ardán e uns cantos máis (non sabemos o número exacto) en Cela e Ermelo.
Como puxo de manifesto o Observatorio Eólico de Galiza, nos últimos tempos a burbulla eólica esta enchendo os montes galegos de empresas especuladoras na busca de terreos sen sequera ter rexistrado ningún proxecto. Buscan terreos a prezos baixos
Nos novos parques eólicos proxectados os aeroxeradores son dun tamaño moi superior aos xa instalados nos montes galegos, chegando a unha altura de case 200 metros e unhas bases de formigón de grandes dimensións. Isto supón un enorme impacto visual e unha enorme degradación paisaxística.
O que non contan estas empresas que van por Galiza adiante vendendo “clandestinamente” estes proxectos son os enormes impactos que causan sobre a saúde das persoas e sobre o territorios: Non contan que de levarse adiante o parque eólico toda a zona de influencia do mesmos cambia a cualificación urbanística.
Os terreos e as vivendas próximos perderán gran parte do seu valor actual.
Provocan un gran impacto na paisaxe.
Afectan aos acuíferos: fontes, ríos, traídas, etc.
Estes aeroxeradores provocan un ruído constante e alteran os sistemas de telecomunicación (tv, radio, etc).
Provocan o chamado “efecto discoteca” polo movemento nocturno das aspas.
Causan graves problemas á fauna salvaxe, fundamentalmente aves e morcegos.
Non crían postos de traballo, isto é unha gran mentira que se repite constantemente como argumento para xustificar estes proxectos.
Agudizan o despoboamento do rural, a ninguén lle gusta vivir á beira dun parque eólico. O 90% dos concellos con parques eólicos perderon poboación.
A maiores destes impactos, o proceso de construción supón un gran movemento de terras, desmontes e apertura de pistas para os camións de grande tonelaxe, a edificación de subestacións, liñas de evacuación, etc. Isto suporía a desfeita do monte entre Ardán, Cela e Ermelo. Montes do Morrazo que teñen unha protección ambiental nas normas provinciais.
En definitiva un parque eólico nos montes de Marín e Bueu só beneficiaría á empresa que o instala, mentres os nós teremos que soportar os impactos negativos sobre o ecosistema e a nosa saúde. (Ver enlace relacionado)
Pedro M. Cortegoso Gago
Veciño de Marín
No hay comentarios:
Publicar un comentario