"Xa se están dando os primeiros pasos para elaborar os orzamentos do ano 2022, e as pautas serán as marcadas tamén para este ano no que andamos"
Manuel Santos Costa é o ‘ super’ concelleiro do equipo do grupo municipal do PP no Concello de Marín. Ten baixo a súa responsabilidade as áreas de Urbanismo, Persoal, Vivenda, Emprego, Empresa, Tecnoloxías e a máis importante, a de Facenda. Ademais de portavoz do grupo dos concelleiros 'populares' marinesnes, é primeiro tenente alcalde. Extramunicipalmente é deputado no Parlamento de Galicia.
A piques de finalizar o ano, Santos Costas está inmerso na confección do orzamento para o próximo exercicio, aínda que de momento está por ‘liquidar’ o do 2021. De todo elo fálanos na seguinte entrevista.
P - ¿Cumprirónse tódalas previsións contempladas no orzamento do ano que está a finalizar?
R - Aínda que non está rematado o ano e falta un mes para o peche do mesmo, practicamente podemos dicir que as liñas e previsións que tiñamos para este ano están cumpridas, e aínda así precisaríamos de moitos máis recursos para poder levar a cabo todas aquelas peticións e necesidades que se demandan por parte dos nosos veciños.
P - Polo que resposta, ¿pódese decir que foi un orzamento moi axustado?
R - Éste foi un orzamento axustado aos recursos dos que dispoñemos, pero dimensionado de maneira que nos permitiu xestionar e traballar de forma correcta, como así se reflexa ano tras ano nos resultados das liquidacións dos orzamentos, que nos dan a razón na súa correcta e alta execución.
P - ¿Xa está traballando co orzamento de 2022? De ser así ¿irá na mesma liña que o o 2021?
R - Efectivamente, xa se están dando os primeiros pasos para elaborar os orzamentos do ano 2022, e as pautas serán as marcadas tamén para este ano no que andamos. En canto a liña o que trasladamos nos orzamentos que levamos elaborados ao longo destes anos é a realidade económica do concello, cunhas contías que semellarán as dos anos anteriores porque son o fiel reflexo dos recursos que se prevén obter. E isto podémolo dicir claramente porque xa sabemos que para o ano que vén conxelaremos de novo as taxas e os impostos municipais.
P - ¿Haberá inversións para grandes proxectos?
R - No orzamento municipal, non é viable dar cobertura a grandes proxectos e infraestruturas, o que non significa que non se fagan importantes inversións. Fanse e á vista de todos está como estamos a executar proxectos tan relevantes e de enorme contía como foi a colocación do novo colector e posterior humanización da Avenida de Ourense, a reforma do Paseo Alcalde Blanco, a próxima conversión da primeira planta da Casa do Mar nun Centro de Día Público ou a apertura dun novo viario en pleno corazón de Inferniño. O que ocorre é que estas inversións conseguimos xestionalas a través de convenios, fondos e subvencións doutras administracións, que confían na nosa capacidade de execución e planificación e por iso apostan polos nosos proxectos.
P- ¿Cómo será o orzamento do 2022? ¿Haberá subida de taxas e impostos?
R - En definitiva, o que se preparará para 2022, será adaptado á realidade e tratará de mellorar a nosa cidade en todos os aspectos, incrementando as políticas sociais e tratando de prestar maiores e mellores servicios, cunha mellor xestión e optimizando os recursos dos que dispoñemos, sen que iso supoña unha suba das taxas e impostos municipais.
P - De qué maneira afecta ao Concello e á cidadanía a Lei da Plusvalía
R - Como ben se sabe, recentemente se declarou a nulidade e a inconstitucionalidade do sistema do cálculo da base impoñible do Imposto do Incremento de Valor dos Terreos de Natureza Urbana ( Plusvalía ). Coa publicación do novo Imposto da Plusvalía, practicamente o impacto da sentencia será mínimo, posto que afectará a un período de tempo moi limitado, só de 15 días nos que que non se podería aplicar dita plusvalía. Outra cousa será o novo sistema de cálculo, no que se prantexan dúas alternativas, e do que aínda non temos moi clara a súa repercusión nas arcas municipais, pero que de acordo cos primeiros estudos, pode supoñer unha rebaixa de entre o 20% e o 30% do que se viña liquidando.
P - ¿Qué cuantía suporían os ingresos?
R - No caso concreto do Concello de Marín, a previsión de ingresos por este concepto é de aproximadamente 100.000.-€ ao ano, polo tanto o impacto, repito, non sería tan importante como está sucedendo noutros concellos
P - ¿Están recibindo xa algunha reclamación da Plusvalía?
R - Pois a verdade é que durante estas últimas semanas se recibiron varias reclamacións, pero non moitas, e polo contrario séguense presentando documentacións e escrituras por parte dos veciños para seguir liquidando dito imposto. Todas as reclamación presentadas terán que ser estudadas e informadas polos servicios xurídicos do Concello para ver se son procedentes ou non, de acordo coa sentencia que anulaba o Imposto.
No hay comentarios:
Publicar un comentario