Xurxo Agra elexido novo Responsábel Local do BNG de Marín
Preside un renovado Consello Local no que destaca a combinación da mocidade e a experiencia aportada por militantes históricos
Novo Consello Local do BNG Marín
MARÍN. 30.11.2021. O BNG de Marín celebrou o pasado venres 26 de novembro unha Asemblea Local na que se procedeu a renovar o Consello Local e escoller novo Responsábel Local. Tras a realización da XVII Asemblea Nacional, o pasado 7 de novembro na cidade da Coruña, o BNG abriu un proceso de renovación dos órganos a todos os niveis da organización, que no noso concello concluíu coa elección de Xurxo Agra do Pazo como novo Responsábel Local e a renovación do Consello Local.
Xurxo Agra do Pazo é un activista social, cultural e político de longa traxectoria que xa ocupou o cargo de Responsábel Local do BNG de Marín durante dous anos e medio, entre os anos 2017 e 2019. O novo Responsábel Local do BNG de Marín agradece “o apoio e confianza da militancia local á lista que encabezaba, formada por un grupo de compañeiros e compañeiras no que a característica máis importante é a combinación de mocidade, moi cualificada e preparada, coa experiencia organizativa e institucional aportada por militantes históricos.”
Xurxo Agra continúa salientando que “volto ocupar este posto de grande responsabilidade cunha enorme ilusión, sabendo que conto cun gran grupo de compañeiros e compañeiras no Consello Local dispostos e dispostas a dar o mellor por esta organización”.
O renovado Consello Local está composto por Xurxo Agra do Pazo (Responsábel Local), Pablo Blanco Agraso (Viceresponsábel Local), Esther Crespo Igrexas (ex concelleira), Celia García Santomé, Luciano Guimeráns Pazos, Lucía Santos Omil (Portavoz Municipal) e Sara Piñeiro Tenorio, como representante de Galiza Nova. O recén eleito Responsábel Local lembra que “o novo Consello Local será o encargado de dirixir o futuro máis inmediato do BNG de Marín, e nomeadamente preparar as vindeiras eleccións municipais de 2023, para as que comezaremos a traballar inmediatamente.”
En canto á liña a seguir neste nova etapa Xurxo Agra informa que “será continuísta co traballo que se ven realizando nos últimos anos: traballo institucional construtivo e positivo mais moi firme na nosa función de oposición ao grupo de goberno do PP, e contacto permanente coa veciñanza con presenza constante na rúa.”
En relación coas vindeiras eleccións municipais de 2023, o novo Responsábel Local afirma que “estamos ante un escenario tremendamente ilusionante, nun contexto moi diferente ao das pasadas eleccións de 2019. Neste momento o BNG é a segunda forza no Parlamento galego, con moita diferenza, e recuperamos a presenza no Estado español.”
E continúa lembrando que “o BNG non acadou o seu teito, como poñen de manifesto todas e cada unha das enquisas que se veñen publicando nos últimos meses. O BNG é unha organización que está a alza, e esta situación, que tamén palpamos a nivel local cunha corrente de simpatía na rúa e a afiliación de numerosas persoas nos últimos meses, verase reflectida en 2023, e permitiranos recuperar a presenza perdida nas pasadas eleccións de 2019 como consecuencia da mala situación xeral na que se atopaba o BNG na altura e da inconcebíbel fragmentación da esquerda local, que lle entregou en bandexa o triunfo ao PP. En 2023 agardamos ser o axente principal do cambio que Marín tanto precisa.”
Lucía Santos Omil (Responsábel Local). Pedro Cortegoso Gago (Vice-responsábel Local) Pamela Martínez Cortegoso. Roxelio Carballa Barroso. Jessica Souto Loira. Xoán Daniel Rosales Rivas. Cristina Sobral Villanueva. Xurxo Agra do Pazo. Pablo Blanco Agraso (Responsábel GZ Nova)
No hay comentarios:
Publicar un comentario