DÍA INTERNACIONAL DA MULLER. 2022
Texto aprobado por unanimidade de todolos partidos políticos (PP-PSOE-BNG) que conforman o Pleno da Corporación Municipal de Marín para a súa lectura pública nos actos a celebrar o 8 de marzo
O 8 de marzo, Día Internacional da Muller, non é unha data conmemorativa sen máis, é unha chamada de atención sobre a inxusta situación da muller e a súa loita histórica por conseguir a igualdade plena. O argumentario para soster as desigualdades está baseado en razóns que non se sosteñen baixo ningún concepto: nin a falta de recursos e medios, nin que as mulleres nacen cunha predisposición xenética para atender o fogar e a familia, nin que unha muller que traballa desatende as necesidades familiares.
Como sociedade, temos o deber de denunciar esas inxustizas: os traballos
non son de homes ou de mulleres, achegan calidade de vida, estrutura social e
benestar. Todas as persoas temos o dereito a un traballo digno e as
institucións e administracións, con capacidade para mellorar as nosas vidas,
deberían facilitar este dereito lexítimo.
Pero a realidade non é esa: o colectivo de mulleres está infrarrepresentado
en todos os réximes da Seguridade Social, excepto no Sistema Especial de
Empregos do Fogar, no que a presencia masculina continúa a ser mínima.
Temos que denunciar a situación de precariedade do traballo autónomo, un
sector con necesidades de cobertura social e económica, de redes de apoio para
facilitar a conciliación ou a dignificación de mulleres emprendedoras como
modelos para continuar o camiño. Por iso, este 8 de marzo de 2023 quixéramos
dedicarllo a todas as mulleres, pero especialmente ás autónomas ao fronte de
negocios propios do pequeno comercio local.
Con este documento tamén queremos
denunciar unha realidade que afecta ás mulleres, o
negocio da prostitución, xustificado como traballo sexual comercial. A
prostitución non é un exercicio libre de compravenda entre persoas iguais en
dereitos e liberdades. Trátase dun exercicio de poder e sometemento. España é o
primeiro país de Europa en consumo de prostitución, e o terceiro a nivel
mundial. É un dato vergoñento que indica que aínda hai moito por facer no eido
da igualdade. Esta reivindicación non é actual, pois no ano 1886 Concepción
Arenal encabezou o movemento abolicionista da prostitución coa súa “Oda contra la esclavitud“, e agora no
século XXI continúa a ser unha escravitude para moitas mulleres.
Polo tanto, con esta declaración,
comprometémonos a apoiar medidas efectivas, que traballen en prol da igualdade
e contra calquera forma de violencia contra ás mulleres. Comprometémonos a
activar recursos e estratexias que faciliten a ruptura dos estereotipos de
xénero a través de accións concretas de formación, información, sensibilización
e expresión artística nos centros educativos, nas rúas ou en calquera outro
escenario de intervención.
A igualdade é unha necesidade
democrática, indispensable para a construción dunha sociedade xusta, libre e
igualitaria. Necesitamos a acción colectiva de homes e mulleres, para garantir
que non se cometan máis actos de vulneración dos dereitos das mulleres.
No hay comentarios:
Publicar un comentario