miércoles, 15 de febrero de 2023

MARÍN. UN ANO DAQUELA DOR. POR MARÍA RAMALLO VÁZQUEZ. ALCALDESA DE MARÍN

"O mar é parte de nós. Pero tamén é protagonista das nosas historias máis negras, responsable dos dós (duelos) de moitas mulleres (sobre todo) e moitas familias que saben o que é que esa inmensidade á que lle adicaches a vida sexa capaz tamén de arrebatala"



Un ano. É case impensable que xa pasasen 365 días desde que os nosos teléfonos, as nosas radios, as televisións, os xornais… desen a peor nova que podíamos coñecer. Un ano xa desde o día no que as 21 familias do Villa de Pitanxo e todo o pobo de Marín quedamos atravesados por un naufraxio tráxico, doloroso e que aínda hoxe proe por baixo da pel. 

Na miña traxectoria como alcaldesa tiven que vivir momentos duros, pero pode que ningún tan intenso no emocional coma eses días fatídicos, nos que as novidades chegaban de xeito disperso, nos que a dor das familias era tan dura de sobrelevar que todos decidimos axudarlles coa carga, poñendo o noso grao de area e a nosa colaboración como puidemos, cada un desde o noso cargo, desde o noso sitio. O mar é a nosa fonte de fortuna, é o que nos define como pobo, o que marca o noso carácter. 

O mar é parte de nós. Pero tamén é protagonista das nosas historias máis negras, responsable dos dós de moitas mulleres (sobre todo) e moitas familias que saben o que é que esa inmensidade á que lle adicaches a vida sexa capaz tamén de arrebatala. 

Non esquecemos aos 21 que xa non están. Como as familias sempre quixeron lembrar: sempre con vós, aínda que sen vós. Mañá, colocaremos no Paseo Alcalde Blanco, coa súa punta atravesando a ría e coa Illa de Tambo de fondo, unha placa coa que poder facerlles unha homenaxe merecida, para depois ir ao funeral no Templo Novo. Unha homenaxe que tamén quixemos ter esta semana cos heroes do Playa Menduíña Dos, que foron exemplo da bondade dos homes de mar, que non dubidaron en arriscar a súa propia vida por auxiliar a aqueles que o precisaron. 

Tamén quero facer estensible esta homenaxe aos familiares. Loitadoras, incansables e convertidas nunha única familia común: cos mesmos rogos, as mesmas necesidades, o mesmo soño de descansar e velar. Desde o minuto un foron exemplo de unidade e de fortaleza. 

Creo que todos aprendimos da súa actitude e da súa resistencia que hoxe, 365 depois (aínda que coste crelo segue intacta.

Fdo. María Ramallo Vázquez
Alcaldesa do Concello de
MARIN

No hay comentarios:

Publicar un comentario