O Concello traballa nunha estratexia
de Smart Mobility para ofrecer información en tempo real sobre estacionamento e
transporte público
A transformación da mobilidade
urbana para conseguir ser unha vila sostible é o eixo principal que move toda a
Estratexia de Desenvolvemento Urbano do Concello de Marín, o coñecido como
proxecto Marín 2020, cofinanciado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional
da Unión Europea.
Ademais dos tres grandes proxectos que abarca esta estratexia, que son a humanización da Avenida de Ourense (actualmente en execución), a reforma do Paseo Alcalde Blanco e a construción do ansiado Auditorio, a EDUSI Marín 2020 tamén abarca outro tipo de proxectos, centrados no aproveitamento das novas ferramentas tecnolóxicas que permitan á nosa vila ser unha cidade intelixente.
Así, segundo adiantou o Concello estase a traballar nunha nova liña de actuación, unha estratexia de Smart Mobility, que axude a implementar medidas que faciliten a mobilidade urbana e que teñen que ver, sobre todo, co transporte público e coa xestión do estacionamento urbano.
Paralelamente á humanización da Avenida de Ourense, o obxectivo é poder sensorizar as prazas de estacionamento de toda esta arteria principal da vila para poder ofrecer en tempo real á cidadanía o estado de ocupación das mesmas, puidendo saber con antelación, tal e como xa se fai noutras cidades, canto aparcadoiro público hai dispoñible nunha área específica nun momento determinado do día.
Esta medida tamén ten visos de aplicarse
nos aparcadoiros disuasorios, de cara a ofrecer ao cidadán ou visitante da vila
información sobre a ubicación dos mesmos, para que coñeza cal é o que máis lle
pode interesar para estacionar o seu vehículo e que densidade de coches
aparcados ten nese instante.
O transporte público tamén se verá beneficiado desta opción, puidendo con ela ofrecer información sobre os horarios, as liñas de autobús, a duración dos traxectos e outros datos que poidan resultar de interese para os centos de usuarios e usuarias diarias desta modalidade de transporte interurbana.
En resumo, a finalidade é poder trasladar todas as bondades das novas tecnoloxías da comunicación e da información ao día a día da mobilidade urbana da vila, ofrecendo datos que poidan axudar á veciñanza e que fagan de Marín unha cidade intelixente, cómoda e con ferramentas útiles para ordenar o espazo urbano.
Recentemente, o Concello conseguiu un novo aparcadoiro disuasorio, que se suma aos outros sete que se foron habilitando nos últimos dous anos e que supoñen unha dotación de 650 prazas extra de estacionamento en pleno casco urbano.
Este novo disuasorio, situado na rúa
Jaime Janer, estará habilitado en breve, xa que esta semana comenzaron os
traballos na parcela cedida polo propietario durante oito anos, con
posibilidade de prórrogas anuais até acadar os 25 anos.
Bo avance das obras de humanización da Avenida de Ourense
Por outra banda, o Concello destacou tamén a boa evolución que leva a execución das obras de humanización da Avenida de Ourense, que convertirán a principal vía de comunicación urbana da vila nun espazo compartido para bicicletas e peóns.
Ademais do trazado do carril bici e da remodelación de todo o pavimento, tamén se instalará novo mobiliario urbano, novas árbores e toda unha liña de iluminación eficiente, que redundará nun aforro enerxético e nun menor impacto medio ambiental das luminarias.
No hay comentarios:
Publicar un comentario